Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Renóvase o fondo bibliográfico do programa "Lendo espero" no Centro de Saude de Tui

17/07/2007

O PROGRAMA DE ANIMACIÓN Á LECTURA “LENDO ESPERO”  NO CENTRO DE SAUDE RENOVA A SÚA COLECCIÓN DE LIBROS 

A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, coa colaboración da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Tui, ven de renovar por completo os libros que se ofrecen aos rapaces que agardan a consulta de pediatría no Centro de Saude de Tui. Esta actividade de promoción da lectura denominada “Lendo espero” consiste na instalación nas salas de espera de pediatria dunha escolma bibliografica que achegue a lectura aos rapaces e rapazas que agardan o seu turno na consulta médica.Esta iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural comezou no Centro de Saude de Tui hai agora un ano, e dende aquela ofrece esta posibilidade de lectura aos usuarios máis cativos do Centro de Saude tudense. O obxectivo é achegar a lectura a novos ámbitos, a novos lugares nunca antes relacionados con este hábito cultural e deste xeito a lectura gaña lugares de presenza pública.Pola súa banda, a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Tui colabora con este programa de animación lectora “Lendo espero” realizando un seguimento do mesmo garantindo o seu funcionamento. Como foi agora o caso, en que dende o centro bibliotecario tudense solicitouse á Dirección Xeral a renovación do lote bibliográfico.Nas salas de espera de pediatría xúntanse cada día gran cantidade de pais e nenos que se ven obrigados a compartir momentos de agarda. A Conselleria de Cultura e Deporte pretende converter ese tempo nunha oportunidade para achegarse á lectura. Os centros de saúde poden ser lugares tan axeitados como a casa, o colexio ou a biblioteca para compartir unha lectura breve. Ademais de facer máis levadeira a espera, esta iniciativa permitirá introducir os libros na vida dos nenos e nenas como forma de entretemento. Por outra banda, búscase aproveitar o encontro de pais e fillos para ler e demostrarlles aos pais a importancia da lectura como unha forma de distracción e a riqueza que encerra.