Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Renovada a Mesa do Camiño de Santiago en Tui

12/03/2024

Ten como obxectivo a cooperación entre os diversos axentes na xestión do Camiño Portugués no noso municipio

Onte á tarde tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui a renovación da Mesa do Camiño de Santiago en Tui, que fora creada no ano 2019, no mandato da anterior Corporación Municipal. A Mesa do Camiño de Santiago Tui  ten por obxectivo a cooperación entre os axentes públicos e privados implicados na xestión do Camiño de Santiago no municipio. Está integrada polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, así como por representantes dos establecementos de restauración e aloxamentos, de empresas de servizos a peregrinos, de asociacións de amigos do Camiño e da igrexa.

Para a renovación da Mesa celebrouse unha reunión á que asistiron representantes de distintos ámbitos vinculados ao Camiño coma a hostalería, restauración e outras actividades, entre os que se elixiu a dous representantes por cada sector para formar parte da mesa.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que a Mesa Local do Camiño de Santiago pretende ser un órgano permanente de contacto entre a administración e os axentes económicos vinculados á peregrinación xacobea. O rexedor tudense fixo, en primeiro lugar, un balance da actividade municipal arredor do Camiño de Santiago no período 2019-2023 co importantes accións como

  • Cubrición de contedores de lixo na traza do Camiño
  • Actuacións en materia de seguridade viaria: paso de peóns en A Virxe do Camiño-Rebordáns ou andadeiros na rúa Arraial e outras.
  • Humanización da rúa Antero Rubín e 1º tramos de Cóengo Valiño
  • Sinalización turística de elementos singulares: Ponte Internacional, Ponte da Veiga, Virxe do Camiño, Ponte das Febres..
  • Outras actuacións en materia de promoción e actividades culturais.

Informou tamén do inmediato inicio das obras de humanización da Avenida de Portugal, polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana así como das obras do Cárcere Vello como centro de interpretación do Camiño Portugués por Turismo de Galicia.

Tamén informou o alcalde de novos proxectos que incidiran en mellorar á traza do Camiño Portugués en Tui, como é o proxecto de renovación do Camiño da Barca, reforma da rúa Ordoñez, proxecto de accesibilidade e mellora do conxunto histórico, mellora da sinalización do conxunto histórico, etc. O rexedor tudense tamén comentou o interese polo vehículo autónomo que se está a probar na Eurocidade e que se espera funcione como unha lanzadeira que mellore a conexión Valença-Tui.

Na quenda de intervencións os representantes dos diversos establecementos e negocios vinculados ao Camiño de Santiago comentaron as problemáticas que afectan aos peregrinos, especialmente as deficiencias na conectividade de Tui por transporte público, tanto por estrada como por vía férrea e que afecta negativamente as potencialidades da nosa cidade. Tratouse tamén a necesidade dunha maior promoción, a temática dos establecementos que carecen de licencia que supoñen unha competencia desleal, etc.

Tamén foi constatado polas persoas asistentes o incremento de peregrinos e peregrinas que chegan a Tui realizando o Caminho Portugués da Costa, procedentes de Caminha e Vilanova de Cerveira, que é o trazado oficial aprobado por Portugal e que non son computados como peregrinos no Camiño Portugués.

Finalmente foros elixidos os integrantes da Mesa do Camiño de Santiago en Tui para o mandato da actual Corporación Municipal ata 2027. De forma inmediata se procederá a convocatoria da primeira reunión da Mesa na que tamén participan representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.