Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Rematadas as obras de mantemento no pavillón deportivo municipal vello

8/11/2022

O rotulado do nome da instalación e o pintado exterior sumáronse as reformas realizadas nos vestiarios, no chan de madeira, no panelado e pintado das paredes interiores, e á instalación dun portalón de acceso directo á pista.

A semana pasada remataron os traballos de mantemento do pavillón deportivo municipal vello de Tui nos que o Concello de Tui.  

Con esta actuación a concellería de Deportes do Concello de Tui continúa co obxectivo marcado ao inicio deste mandato de “poñer as instalacións deportivas municipais á altura dos deportistas e clubs deportivos que as utilizan” tal e coma sinalada o concelleiro Rafael Estévez. 

A colocación do rotulado do nome da instalación culminou a semana pasada estes labores, nos que tamén se procedeu ao pintado exterior durante os meses de setembro e outubro.

Estas actuacións súmanse á reforma dos vestiarios da instalación, realizadas con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Amais con fondos propios o Concello, a finais do ano pasado, acometeu o lixado, vernizado e remarcaxe das liñas da pista de madeira, o pintado das paredes interiores o panelado das paredes con madeira e a instalación dun portalón de acceso directo á pista deportiva. A finais deste verán, tras a limpeza das paredes exteriores, iniciouse o pintado exterior da instalación, rematando coa rotulación do frontal co nome do pavillón. Todas estas actuacións supuxeron un investimento cercano aos 80.000€.

Este pavillón municipal é utilizado en horario matinal polos CEIP’s Nº1 e Nº2 de Tui, coas clases de educación física dos nenos e nenas de Infantil e Primaria. Polas tardes son o Club Baloncesto Tui e A Quinta de Tui Fútbol Sala, os que empregan as instalacións para os adestramentos dos seus respectivos equipos, así como para os partidos federados nas fins de semana.

Tras estas obras no pavillón deportivo municipal vello e a reforma integral do Centro Municipal de Piragüismo “Quique Míguez”, a concellería de Deportes do Concello de Tui acometerá en próximas datas, con fondos propios, varias melloras nas pistas de tenis de Areas,  así como a construción de novos vestiarios no pavillón do CEIP de Guillarei e a reforma do tellado da grada do Campo Municipal de Fútbol “Álvarez Durán” de Tui, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2023.