Remata o programa “O cine nas Aulas” no que participaron ao longo do curso máis 400 alumnos de primaria e secundaria
Esta mañá tivo lugar no Teatro Municipal de Tui a derradeira proxección deste curso escolar do programa “O cine nas Aulas” promovido polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui. O concelleiro de Servizos de Sociais, Laureano Alonso, e a técnica do servizo, Paula Guerreiro, deron a benvida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP nº1, do CEIP nº2 e do Colexio Maristas que asistiu á proxección de “A illa de Nim”. O CEP de Caldelas e Ceip de Randufe levarán o a cabo o programa nos Centros. A pasada semana tivo lugar tamén a proxección da derradeira película, “A guerra dos botóns”, para o alumnado de Secundaria do IES Indalecio Pérez Tizón, do IES San Paio e do Seminario Menor San Paio.
Ao longo do curso escolar neste programa, desenvolvido polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui, abordáronse múltiples problemas da sociedade actual mediante a posta en marcha de actividades preventivas, sendo a educación o elemento básico. O cine é a ferramenta empregada para chegar aos distintos temas, ao ter un indubidable atractivo para os mozos/as, captando a súa atención, apoiando a súa capacidade de reflexión e favorecendo a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta.
Tras a proxección de cada película os alumnos recollen as unidades didácticas, elaboradas pola técnica de prevención do Concello de Tui, coas que logo traballan nas aulas sobre o tema elixido para cada proxección. Neste curso realizouse outra proxección da película “Quero ser coma Beckam”.
Con estas dúas películas se trataron os temas de igualdade, homofobia, resolución de conflitos, autoestima, tolerancia, solidariedade, relación entre iguais, o respecto polo medio ambiente, as novas tecnoloxías e o papel da muller, entre outros.