Relicario dialoga coa memoria, o patrimonio e a beleza na Catedral de Tui
Até finais do mes de setembro a Catedral de Tui acolle a instalación artística “Relicario” obra do tudense Carlos Fer dentro dos actos conmemorativos do 800 aniversario da consagración do templo catedralicio.
Onte á tarde tivo lugar a inauguración nun acto no que interviron o alcalde, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente; o deán da Catedral, José Diéguez; o director do museo Tude, Santiago Vega; e o propio artista, Carlos Fer.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o excepcional da mostra, do artista e do espazo no que se presenta. Tamén se referiu ao momento de esplendor que vive a Catedral, tanto polo aniversario da súa consagración, como polas obras que se acometeron e se están a realizar, nun templo que se reafirma coma faro da cidade e do territorio.
Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosou a súa satisfacción por poder presentar por vez primeira en Tui a obra de Carlos Fer, que conta cunha destacada traxectoria. Trátase, segundo explicou, o proxecto máis emocionante e impactante do programa conmemorativo do oitavo centenario da consagración do templo. Tamén amosou o seu agradecemento ao cabido da Catedral pola colaboración para a realización da mostra.
O director do Museo Tude, Santiago Vega, reflexionou sobre o diálogo dos estilos artísticos na Catedral, aos que agora se engade unha mostra contemporánea que dá á Catedral, unha expresión de actualidade, cunha obra que desprende autenticidade e ofrece o mellor de si mesma. Afirmaba que Relicario convértese nun canto á beleza.
A beleza do proposta foi tamén sinalada na súa intervención polo deán da Catedral, José Diéguez, quen reflexionou sobre o termo relicario que dá nome á intervención.
Carlos Fer explicou que a súa obra está inspirada na capela das Reliquias da Catedral, plantexada coma unha intervención que se integra no espazo, que dialoga coa pedra e coa arquitectura existente. Son 800 pezas, distribuídas en oito colares, que interactúan coa luz, que gardan recordos ou memoria.
Relicario pódese visitar na Catedral de Tui até finais do mes de setembro.
Relicario
Relicario é unha intervención artística site-specific realizada para a Catedral de Santa María de Tui con motivo do VIII centenario da súa consagración. A obra nace da Capela das Reliquias, unha sala integrada na arquitectura do templo onde un altar do século XVIII custodia distintas reliquias dos santos, gardadas en compartimentos e armarios. Chamamos relicario a ese estoxo que coida e preserva aquilo que contén. Ás veces levámolo ao pescozo, a modo de colar, como un pequeno lugar onde gardar as nosas lembranzas e levalas connosco. Desa idea xorde esta instalación de oitocentas pezas impresas en filamento transparente biodegradable, unha por cada ano de existencia da catedral.
Como contas dunha gargantilla ou pregarias dun rosario, as pezas organízanse en oito colares que agora viste o monumento. Os seus oito deseños diferentes están gravados con motivos recollidos e escaneados na Capela das Reliquias, de maneira que cada peza honra as reliquias que alí se conservan, mais tamén os propios relicarios que as conteñen, que pasan a converterse en novos obxectos para venerar e protexer. A catedral queda así vestida cos seus propios recordos.
Toda a intervención está pensada para convivir coa arquitectura do lugar en lugar de impoñerse sobre ela. O material transparente permite ver o espazo e deixa pasar a luz que entra no templo, para contemplar ao mesmo tempo a súa estrutura, os seus altares e a instalación, sen interferencias. A obra tampouco toca o chan, xa que flota suspendida das naves superiores.
Esa suspensión é, ademais, o corazón da peza. Ao quedar colgada no alto, Relicario alude ao celestial e ao divino, a ese fío que une o ceo coa terra. A luz natural atravesa o filamento e refráctase nos cristais, proxectando reflexos e brillos sobre as columnas, os muros e as figuras do templo. A instalación enlaza así o sagrado e histórico da catedral coa arte e a tecnoloxía do noso tempo.
Completan a obra outros colares formados por centos de pequenos cristais. Non levan reliquias gravadas, xa que fan referencia ao que aínda está por vir, a todos os anos e recordos que a catedral aínda ten por crear, por gardar e por compartir coa cidade de Tui, cos seus habitantes e visitantes. Relicario presenta uns recordos vivos que celebran o oitavo centenario do monumento ollando cara ao seu pasado, mentres deixa un espazo aberto e luminoso aos séculos que ten por diante.
Carlos Fer
Carlos Fer (Tui, 1997) é artista visual, docente e investigador. Rematando o seu doutoramento pola Universidade de Vigo en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, foi docente na ESDIR, a EASD Pablo Picasso e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa práctica abarca pintura, cerámica, videoarte e instalación, con atención á materialidade, á suspensión, ao peso e a apertura da pintura cara ao espazo.
Ten catro exposicións individuais recentes: Relicario (Catedral de Santa María de Tui, 2026), Limiares Acuosos (Casa da Cultura Galega, Vigo, 2025), Letting the Painting Fall (Sint-Lukas Gallery, Bruxelas, 2025) e Pregar a Pintura, comisariada no Museo Provincial de Pontevedra (2024). Participou en bienais como a XXVI Bienal de Cerveira (Portugal, 2026), XXXII Bienal de Pontevedra (2025) ou a XV Bienal de La Habana (Cuba, 2024) e en en mostras colectivas en lugares como a Cité internationale des arts (París, 2026), na Fundación Luis Seoane (A Coruña, 2024), na Valentiny Foundation (Luxemburgo, 2023), ou no Palacio Euskalduna (Bilbao, 2023).
As súas residencias e estadías de investigación inclúen a CIDA de París (2025–2026), a Fundación Nicole & Walter Leblance a LUCA (Bruxelas, 2025), Matadero Madrid (2025), a Bibliothèque historique de la Ville de Paris (2026) o programa Nortear da AECT (2024 e 2026), e o Pazo de Mariñán (2023 e 2026). Foi seleccionado nas bolsas Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2025), no Programa In Situ da fundación Daniel e Nina Carasso (2025) e finalista no X Premio Cervezas Alhambra Arte Emergente ARCO (2026).
Entre os seus recoñecementos destacan o Premio Adquisición no XIX Isaac Díaz Pardo, (2025); Premio do XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense (2025), o V Premio Crea (2025), Premio de Investigación en artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas (2025), Premio do Público do VII Festival Internacional de Cine Intersección (2024) e o Primeiro premio do XXI Certame de Pintura da UVigo. O seu traballo forma parte de diferentes coleccións públicas e privadas.





