Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Radio escolar desde a praza da Catedral de Tui para lembrar ás mulleres da raia

29/09/2022

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas! levará a radio escolar do IES San Paio e do CPR Santa María de Tui á rúa co seu proxecto A Radio do Patrimonio. O programa emitirase por streaming a través de pontenasondas.org

A Radio do Patrimonio é o proxecto co que a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas! leva a radio escolar dos centros ás rúas para recuperar o patrimonio cultural inmaterial que se creou arredor das rutas xacobeas. Despois de comezar a súa peregrinación nas ondas en Cea, recalan este venres 30 na praza de San Fernando de Tui, onde a partir das 12 do mediodía, os alumnos e alumnas do IES San Paio e do CPR Santa María de Tui descubrirán a música tradicional a través dos ‘instrumentos pobres’ de Xavier Blanco, cantarán con Andrea Pousa e coñecerán as historias do tráfico de mercadorías na posguerra con Diana Gonçalves, directora do documental Mulleres da raia.

Será na praza de San Fernando, fronte a Catedral de Tui, Eurocidade xunto con Valença, onde os máis pequenos descubrirán as historias das mulleres que traficaban, na posguerra, con produtos dun lado e doutro do río. O alumnado entrevistará a Diana Gonçalves que achegará algún dos testemuños que ela mesma recompilou na súa viaxe polo espazo tranfronteirzo entre Galicia e Portugal. 

Tamén Andrea Pousa, que participou en Ponte...nas Ondas! no seu proxecto musical, Meniños Cantores, responderá ás preguntas das estudantes, a un mes de sacar o seu novo single sobre as familias da raia. 

O ramo ao programa porao Xavier Blanco que tentará transmitir aos xoves o amor pola música tradicional que el mamou desde ben cativo, sendo herdeiro da saga familiar dos Soledás de Moaña. Ademais, presentará a súa Fundación Legar coa que, desde Quiroga (Lugo), traballa na recuperación dos antigos instrumentos ‘pobres’ e de coplas esquecidas.

Sarria e Santiago, serán as seguintes paradas, o 20 e 21 de outubro co Mago Antón e Pancho Álvarez como convidados, respectivamente. 

PNO! a un paso de ser modelo de boas prácticas

O proxecto da Radio do Patrimonio chega a uns meses de que o modelo da Asociación Ponte...nas Ondas! sexa inscrito no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO. PNO! leva 27 anos, desde 1995 impulsando a radio escolar para implicar ao alumnado na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial. 

A candidatura de PNO! como modelo de boas prácticas co PCI foi presentada por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, en marzo de 2021. Na  17a sesión do Comité Intergobernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro, onde se coñecerá inscrición do “modelo
Ponte...nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.