Quique Peón presenta o espectáculo de danza Ovay este venres no Teatro Municipal
Será o venres ás 21.30h no Teatro Municipal
Quique Peón presenta o espectáculo de danza Ovay
Trátase dunha obra dirixida a público familiar
Mércores, 19 de maio de 2010. O Teatro Municipal de Tui pecha este venres a programación do primeiro semestre do ano cun espectáculo de danza. A cita será ás 21.30h coa compañía de Quique Peón que leva a escena "Ovay". Trátase dun so de danza interpretado por Henrique Peón acompañado polos músicos Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde.
"Ovay" é a viaxe dun bailarín, é liberdade sen lastres, o movemento renovado e a expresión dunha inquedanza sobre a propia esencia. OVAY quere amosar a forma de expresión masculina e feminina empregando un amplísimo abano de movementos tradicionais galegos que evolucionan ata chegar aos nosos días. Para isto mestúranse as frases tradicionais no marco da danza contemporánea, tentando non perder a expresividade e sentimentalidade. A obra vai máis aló do virtuosismo do bailarín amosándonos o seu interior, fusionando os instrumentos, o canto e o teatro co mesmo baile, e tentando que o espectador recoñeza e redescubra, a un tempo, o seu.
Quique Peón centrou a súa actividade na investigación etnográfica de Galicia, con especial atención á danza tradicional, na teima de conversala, divulgala, dignificala e colocala no lugar que lle corresponde dentro das artes escénicas. Froito destas ideas e do seu traballo de campo son os centos de melodías e danzas que ten recuperadas, e a súa longa traxectoria coma bailarín e profesor de baile e música tradicional galega nas agrupacións máis sobranceiras e prestixiosas do país, entre as que destaca o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina que dirixe dende 1981. Tivo tamén contactos coa danza contemporánea e colaborou con Roberto Oliván coma asistente coreográfico e formando parte do elenco no "Kiosco das almas perdidas". Na actualidade Quique Peón compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no eido tradicional coas súas inquedanzas interpretativas e as novas experiencias na danza contemporánea. Creou a súa propia compañía en 2008 co obxectivo e convicción de promocionar a danza de Galicia en todas as súas manifestacións artísticas. Nesta nova andaina, Quique Peón dedicará os seus esforzos á produción de espectáculos de danza galega, tanto a nivel nacional como internacional, por medio da programación cultural privada e institucional. A súa primeira aposta "Ovay" , o espectáculo que este venres achega a Tui, busca profesionalizar un sector que ata o momento non tivo esa posibilidade e dignificar a figura do bailarín galego tradicional.
As entradas para "Ovay" están a venda, ao prezo de 5€ e 3€, na web www.culturatui.info ata o venres ás 16.30h, e logo o venres dende ás 20h pódense mercar no despacho de billetes na Área Panorámica.
Quique Peón Cía. con "Ovay"
Data: Venres 21 ás 21.30h
Lugar: Teatro Municipal
Venda de entradas: en www.culturatui.info ata o venres ás 16.30h, e o venres dende ás 20h no despacho de billetes
Prezos: 5€ - 3€.