Puño Dragón, La Fuga e Ñu abrirán os concertos das festas de San Telmo 2026
Os grupos locais The Pileidis e Ola de Calor, e The Sibaritas actuarán no Espazo Sociocultural
As festas de San Telmo brindarán do 4 ao 13 de abril concertos de pop, rock, e indie que farán vibrar á cidade con grupos consolidados e outros emerxentes
Os grupos Puño Dragón e La Fuga serán os primeiros en subir ao escenario do Espazo Feiral na primeira xornada de festas, o sábado 4 a partir das 21.30 h. A ritmo de rock cun directo cheo de enerxía porán a banda sonora a primeira noite festiva. O domingo 5, ás 19.30 h, tomará o relevo Ñu, liderado por José Carlos Molina, que demostrará sobre o escenario a forza dun grupo que leva 50 anos no mundo da música.
Nas festas os grupos emerxentes serán tamén protagonistas con concertos no Espazo Sociocultural. Os tudenses The Pileidis, formados en 2024, farán un percorrido pola música dos anos 90 e 2000. Está formado por Jorge Pimentel, baixo e voz; Nico Martínez, guitarra eléctrica e voz; Javi Ripplige, batería; Rubén Vázquez, teclados, baixo e coros; e Clara González, guitarra e voz.
A seguinte fin de semana, o sábado 11, ás 21.30 h será a quenda de Ola de Calor, un grupo formado en 2022 en Tui por Clara, Javi, Bruno e Pablo. Coa interpretación dos temas do seu primeiro disco “No es para tanto” xunto a cancións clásicas brindarán unha auténtica festa con banda sonora indie-rock.
O domingo 12, tamén ás 21.30 h no Espazo da rúa Camilo José Cela, estarán en concerto The Sibaritas cun directo cheo de enerxía cos grandes himnos dos 80 e os éxitos actuais de pop-rock, como levan facendo dende 2016.





