Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A próxima semana serán instaladas catro novas marquesiñas en Areas, Randufe, Pazos de Reis e Guillarei

26/05/2023

Grazas á cesión gratuíta dunha parcela trasládase 40 metros a parada do autobús na Avenida de Portugal

O próximo luns comezarán as obras para a instalación de catro novas marquesiñas noutras tantas paradas de autobús en Areas, Randufe, Pazos de Reis e Guillarei en puntos de entrada ao centro urbano. O Concello de Tui vén de adxudicar o proxecto para a renovación e colocación destes elementos, unha actuación que será financiada con fondos propios.

Cómpre destacar o cambio que se vai realizar na parada de autobús que até o de agora estaba situada no número 32 da Avenida de Portugal, fronte á estación de servizo, e agora pasará a estar ubicada a 40 metros de distancia, na estrada da Guarda preto da sede do CRA Mestra Clara Torres na Estrada en Bornetas, Randufe. Isto foi posible grazas á cesión gratuíta dunha parcela por parte da familia Priegue-Ausina, co que se pode levar a cabo este cambio tan demando. Dende o Concello quérese amosar publicamente o agradecemento a esta familia xa que coa doazón deste terreo a parada do autobús contará con mellores condicións de seguridade para os viaxeiros, e o autobús terá un espazo onde parar e non no propio carril de circulación como acontece agora na Avenida de Portugal.

Outro dos cambios realizarase en Areas, preto do límite co Concello de Tomiño, onde serán retirados os restos da marquesiña que afeaban esta zona de entrada ao municipio, polo novo deseño de marquesiña que reúne mellores condiciones de comodidade, seguridade e estética.

A terceira Marquesiña será instalada en Manteigada, fronte á farmacia, onde amais se colocará un paso de peóns elevado con fin de reducir a velocidade dos vehículos neste punto.

Por último substituirase a marquesiña situada en Guillarei  fronte a estación de servicio.