Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Proxección de “Santo Oficio” de Artur Ripstein na programación do Setembro Xudeu

23/09/2025

Será este xoves ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, contando coa colaboración do Cineclub Tui

O cinema centra esta semana unha das derradeiras actividades previstas dentro da programación do Setembro Xudeu organizada polo Concello de Tui.  Este xoves, 25 de setembro, ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela proxectarase o filme “Santo Oficio” realizado en 1973 por Arturo Ripstein. Nesta actividade colabora o Cineclub Tui.

O filme aborda, por vez primeira na historia, a realidade dos xudeus-conversos no século XVI en Nova España (actual México).  “Santo Oficio” segue a historia de Gaspar de Carvajal, un dominico que non viu á súa familia desde que tiña 10 anos cando foi enviado a dedicarse á vida relixiosa. Un día, asiste ao funeral do seu pai, onde nota que o corpo foi lavado, logo enterrado nun sudario e sen cadaleito. Gaspar dille ao seu confesor que sospeita que a súa familia, os xudeus convertidos ao catolicismo, aínda seguen os vellos costumes. O pai Lorenzo di que este asunto debe levarse ante a Inquisición. Alonso de Peralta, inquisidor xefe de Nova España, ordena arrestar á familia Carvajal polo testemuño do seu fillo.

O cineasta Arturo Ripstein, nado en Cidade de México en 1943, é un director de orixe xudía, naturalizado español dende 2003. Foi discípulo de Luís Buñuel e conta cunha ampla filmografía.

Esta obra cinematográfica mexicana recibiu dous grandes premios: Premio Ariel ao mellor guión e estivo nominada á Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1974 (que finalmente acadou F. F. Coppola).

A concelleira de Turismo, Ana María Núñez, sinala que esta proxección permite achegarse ao coñecemento da realidade de vida dos “cristiáns novos”, unha importante comunidade existente na nosa cidade especialmente no século XVI, que sofren a persecución da Inquisición. Engade que “na nosa cidade conservamos un testemuño excepcional desta época como é a colección dos sambenitos da catedral tudense, unhas pezas únicas e de enorme interese”. Por iso indica que “con esta proxección poderemos achegarnos a comprender mellor o seu contexto histórico así como contemplar unha obra dun acreditado cineasta”.

Con esta proxección e a realizada o pasado 11 de setembro o Concello de Tui, en colaboración co Cineclub Tui, ampliou este ano a súa oferta de actividades na programación do “Setembro xudeu”.