Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A proxección de María Solinha e unha nova charla de Xuntas Aprendemos na programación desta semana de “Dereito a estar, dereito a achegar”

15/03/2022

O venres haberá un espectáculo para público familiar e o domingo o roteiro ilustrado “Camiñando con Elas”

Catro novas actividades teñen lugar esta semana dentro do programa “Dereito a estar, dereito a achegar” organizada polo Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, con motivo do Día Internacional da Muller.

A primeira das propostas é cinematográfica. Mañá mércores, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui, no ciclo de cinema e encontros coa autora, proxectarase “Maria Solinha” de Ignacio Vilar. A entrada é balde. Neste filme a María Solinha do século XVII e do século XXI atópanse sendo atacadas por un “dragón” que foi cambiando de forma ao longo dos século. O filme está interpretado por Grial Montes, Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán “Morris», Mela Casal, Alfonso Agra, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz, e Sheyla Fariña. Conta a historia dun afamado director que chega a Cangas do Morrazo para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxaría e queimada pola Inquisición no século VII. Pero a protagonista da obra sofre, no século XXI,  agres ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII. Ao remate da proxección haberá un coloquio do director, Ignacio Vilar.

Pola mañá a película proxectarase para o alumnado do IES San Paio, do Colexio Maristas Santa María e do Seminario Menor.

Este xoves, 17 de marzo, ás 18 h na Aula da UNED ten lugar a terceira das charlas programadas no ciclo “Xuntas Aprendemos”. Nesta ocasión será a axente de Igualdade Ana Román quen aborde a “Introdución á igualdade de xénero”.

O venres, 18 de marzo, ás 17 h na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, Caxoto presenta “Contos vellos novos finais” para público familiar dende os 4 anos. A educación en valores en xeral e a igualdade de xénero en concreto son o eixo transversal que marca o repertorio de Caxoto dende que en 2005 comezou a contar contos. Nesta ocasión baixo o título “Contos vellos novos finais” Caxoto presenta tres espectáculos “Diagnosticando a igualdade” no que un médico ven a diagnosticar o sexismo; “Moito que limpar!” no que un mozo da limpeza aproveita os seus descansos para ler libros nas bibliotecas e “Coas mans na masa” no que un cociñeiro conta a súa experiencia nas tarefas do fogar.  

Por último o domingo celebrarase o roteiro ilustrado teatralizado “Camiñando con elas”. Da man de María Chamadoira, nun percorrido dunha hora polo conxunto histórico, as persoas asistentes poderán coñecer a historia e a vida de dez mulleres tudenses: Rosa Bahamonde, María Tydeska, Raíñas Dona Urraca, Clara Torres, Josefa Correa, Conchiña Concheiro, Mª Suárez Sarmiento, Evagelina Jaso, Cándida Rodríguez e Antonia Saravia. O roteiro, que foi ilustrado pola artista Gemma Marqués forma parte do proxecto “A Tui das Mulleres”.  Para asistir é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.