Protección Civil de Tui recibirá a medalla ao mérito de protección civil na categoría de prata
Esta distinción é outorgada pola participación no continxente galego desprazado a Valencia tras a DINA
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui vai recibir a medalla ao mérito de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia na súa categoría de prata.
Os voluntarios tudenses veñen de ser recoñecidos con esta distinción autonómica por ter formado parte do do Continxente Galego desprazado a Valencia, tras a DINA. Tres voluntarios de Tui participarán en Valencia nos labores de reconstrución levando diverso material.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresa o seu recoñecemento e felicitación novamente á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil pola súa participación naquel operativo en Valencia o ano pasado, pero tamén polo labor que desenvolven ao longo de todo o ano na cidade tanto en distintas incidencias coma colaborando en eventos de moi diversa índole. Así o ano pasado, amais da intervención en Valencia realizaron 278 servizos cun total de 2.417 horas.