Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Protección Civil de Tui conta dende hoxe cunha tenda de campaña para a atención ás emerxencias

4/07/2024

Recibiron o novo material na AGASP a onde acudiron xunto á tenente alcalde Ana Núñez 

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui recibiu hoxe na AGASP, a Academia Galega de Seguridade Pública, unha tenda  de campaña para a atención ás emerxencias, coa que se mellora o equipo de que dispón a agrupación tudense.

Ao acto de entrega, no que participou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entre outros, acudiron a tenente alcalde, Ana Núñez e membros de Protección Civil de Tui.

A tenda de campaña recibida por Protección Civil de Tui esta mañá conta cun teitos de 4x4 metros, estruturas reforzadas de aluminio e kit de iluminación de baixo consumo, entre outras características.  

O equipamento entregado hoxe a 86 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de toda Galicia forma parte das axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).   A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa Feder de Galicia.

 A tenente alcalde de Tui, Ana Núñez, destacou o compromiso do Concello de Tui coa Agrupación de Voluntarios de Protección de Civil, agradecendo o seu labor ao longo dos 365 días tanto en emerxencias coma colaborando en eventos culturais ou deportivos. Sinalou Ana Núñez amais o apoio que se presta dende a institución municipal para a xestión dos recursos para esta agrupación, axudando amais na tramitación deste tipo de subvencións tan importantes para poder incrementar o material de emerxencias do que dispoñen.