Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A programación do Setembro Xudeu continúa o luns cunha conferencia de Suso Vila

4/09/2026
Baixo o título de "Amores y desdichas en tiempos de la Inquisición: disidencia y matrimonio en la comunidad cristiano nueva en la frontera galaico-portuguesa” terá lugar ás 20 h na igrexa de San Domingos

O próximo luns, 7 de setembro, ás 20 h a igrexa tudense de San Domingos acollerá, ao abeiro do programa de actividades do “Setembro xudeu”, unha conferencia do historiador Suso Vila titulada "Amores y desdichas en tiempos de la Inquisición: disidencia y matrimonio en la comunidad cristiano nueva en la frontera galaico-portuguesa."

Suso Vila, doutor en Historia da Arte, é un recoñecido historiador tudense cunha alongada traxectoria na investigación sobre a nosa cidade. Ten publicado numerosos libros e artigos sobre a historia tudense e especialmente no que atinxe á presenza xudía na cidade fronteiriza.

O propio Suso Vila sinala que "a comunidade cristián nova practicou diversas estratexias para garantir a súa supervivencia fronte a presión social e a persecución inquisitorial. Unha destas estratexias sería a matrimonial para permitir a súa resistencia dentro da sociedade cristián vella. As políticas matrimoniais dos xudeoconversos permitiron o Amor? Qué casos houbo na raia tudense e qué resultados tiveron nun entorno social hostil? Esta conferencia mostrará varios casos de matrimonios nas familias criptoxudías do bispado de Tui, as súas traxedias e tamén a manifestación do amor."

Esta conferencia enmárcase na temática da edición 2026 das Xornadas Europeas da Cultura Xudía que teñen como lema Love (o amor). A proposta invita a descubrir o amor como un valor fundamental da tradición xudía: unha forza que une a persoas, comunidades e xeracións, e que se manifesta no diálogo, a transmisión do coñecemento, a solidariedade e o respecto pola diversidade.

Suso Vila (Tui, 1973). Doutor en Historia da Arte coa súa tese "Dinámicas urbanas na fronteira do Miño durante o século XIX. Sociedade e arquitectura en Tui e Valença". Máster en Lecturas sobre a cidade histórica. Arte, Patrimonio Cultural e a súa xestión (USC). Posgrao en Historia, Teoría e Método das Humanidades e as Ciencias Sociais (USC), licenciado en Historia pola UNED.

Ten investigado e publicado diferentes libros de arte, historia e antropoloxía sobre a cidade de Tui e a fronteira do Miño. Obtivo o segundo premio da Historia Medieval de Galicia e Portugal 2008 pola súa obra "A cidade de Tui durante a Baixa Idade Media", e primeiro premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009 pola súa investigación "A Casa de Soutomaior 1147-1532". Forma parte do Grupo de investigación HAAYDU (GI-1510) da Universidade de Santiago de Compostela e da Rede sefardita hispano-lusa Ner Tamid.

Para a concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, esta conferencia a cargo dun acreditado especialista como o historiador Suso Vila contribuirá ao coñecemento da presenza destas comunidades criptoxudias ou de cristiáns novos na nosa cidade e que forman parte da nosa memoria colectiva e dos aspectos inmateriais do noso patrimonio que o Concello promove o seu coñecemento e conseguinte valorización.