Preto dun millar de persoas participaron nas actividades do ciclo “Coñece o noso patrimonio” desenvolvido nos meses de xullo e agosto
A iniciativa, organizada polo Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui, contou cun gran éxito
Preto dun millar de persoas participaron nos meses de xullo e agosto nas actividades do ciclo “Coñece o noso patrimonio” organizado polo Instituto de Estudios Tudenses, coa colaboración do Concello de Tui. As seis visitas guiadas realizadas por outros tantos especialistas e a conferencia celebrada contaron cunha gran acollida por parte do público.
A derradeira das actividades, unha visita guiada titulada “De convento de San Antonio a parroquia do Sagrario da Catedral” tivo lugar o pasado martes 25 de agosto, dirixida José Ramón Fernández Fernández, historiador. Máis dun centenar de persoas participaron nesta actividade que nos achegou a un dos templos máis populares de Tui, a igrexa de San Francisco.
A semana anterior, o martes 18, a prestixiosa investigadora Carmen Manso Porto, da Real Academia de la Historia, que pronunciou unha conferencia titulada “La catedral medieval de Santa maría de Tui” no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, Máis de oitenta persoas coñeceron os resultados das súas pescudas e investigacións sobre o desenvolvemento das obras iniciais da catedral tudense.
O ciclo cruzou tamén o río Miño, levando a cabo, como en anos anteriores, unha visita guiada en Valença. Nesta ocasión foi a un lugar especialmente ligado artisticamente á catedral de Tui e á historia tudense como é o mosteiro de Ganfei. Co titulo de “Os tempos do románico en Ganfei: o mosteiro de O Salvador e San Teotonio” a visita estivo a cargo de Isilda Salvador, museóloga. Completou o percorrido unha visita á capela de San Teotonio onde a Junta de Freguesia de Ganfei agasallou aos cento cincuenta visitantes cun viño albariño.
Este ciclo comezara o martes 7 de xullo cunha visita á intervención arqueolóxica realizada na Praza do Pracer, no centro do conxunto histórico tudense, con importantes achados de época romana que motiva unha ampliación desta escavación arqueolóxica a executar proximamente. Esta visita estivo dirixida por Soledad Prieto Robles e Juan José Perles Fontao, arqueólogos responsables desta intervención e congregou a máis de cento cincuenta persoas
O ciclo de visitas continuou o martes 14 de xullo cun percorrido polos principais exemplos de escultura pública en Tui que conta con obras de Silverio Rivas, Juan Oliveira, Xoán Piñeiro, Alfonso Quinteiro o Maxín Picallo, etc. Estivo a cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela e reuniu a un centenar persoas.
Coincidindo co 90 aniversario do golpe militar de xullo de 1936 e a resistencia de Tui ata ao 26 de xullo a presidenta da Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño - Condado – Louriña, Helena Pousa Ortega, realizou unha visita aos lugares vinculados á memoria democrática o martes 21 de xullo coa asistencia de en torno a 80 persoas.
E finalmente o programa de xullo completouse o día 28 de xullo, coa visita que realizou a catedrática de historia da arte da Universidade de Santiago e Presidenta do Instituto de Estudios Tudenses, Marta Cendón Fernández, á catedral de Santa María cunha asistencia cercana ás duascentas persoas.
O Instituto de Estudios Tudense congratúlase do éxito deste ciclo de visitas guiadas pero moi especialmente que o mesmo teña contribuído ao coñecemento do amplo legado patrimonial que atesoura a nosa cidade e que paralelamente redunde na súa mellor conservación. Para a concelleira de turismo, patrimonio e conxunto histórico, Ana María Núñez Álvarez, o éxito de asistencia a este ciclo “Coñece o noso patrimonio” evidencia o interese que suscita o patrimonio tudense e as potencialidades que o turismo cultural representa para a nosa cidade, ao tempo que expresa o compromiso municipal por continuar afondando no coñecemento, conservación e promoción dos valores patrimoniais, culturais e paisaxísticos da nosa cidade.
Tanto o Instituto de Estudios Tudenses como o Concello de Tui confían en continuar co desenvolvemento desta colaboración no vindeiro ano cunha nova edición deste ciclo de visitas guiadas dada alta participación de tudenses e visitantes nestas actividades.





