Preto de mil estudantes tudenses participan en obradoiros para promover a igualdade e corresponsabilidade
Desenvolverase durante os meses de outubro e novembro nos centros educativos do m
O Concello de Tui, a través da Concellería de Igualdade, pon en marcha unha nova programación de obradoiros educativos para promover a igualdade entre mulleres e homes, fomentar a corresponsabilidade e impulsar modelos de masculinidade igualitarios. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan Corresponsables, promovido polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España e cofinanciado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade. Contará coa participación de arredor de 990 alumnos e alumnas de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.
As actividades comezan hoxe luns, 26 de outubro, levándose a cabo neste mes de outubro e no de novembro, cunha programación adaptada ás diferentes idades e etapas educativas. A través de metodoloxías participativas, o alumnado reflexionará sobre os roles e estereotipos de xénero, as relacións afectivas saudables e respectuosas. Outro dos obxectivos é contribuír á prevención das desigualdades e das violencias machistas.
Nos centros de Educación Primaria desenvolveranse dous tipos de obradoiros, impartidos por profesionais da psicoloxía e da educación social con formación en igualdade de xénero e experiencia docente.
O alumnado de 1º a 4º participará na «Xincana da Corresponsabilidade», unha proposta lúdica na que, a través de diferentes probas relacionadas coas tarefas domésticas e os coidados, aprenderá a importancia de compartir as responsabilidades familiares.
Pola súa banda, o alumnado de 5º e 6º participará no obradoiro «Relacións igualitarias, bo trato e masculinidades corresponsables», no que se abordarán os estereotipos de xénero, a expresión das emocións, o respecto aos límites persoais e a importancia de construír relacións baseadas na igualdade, na empatía e no bo trato.
A programación completarase con obradoiros nos institutos IES San Paio e IES Indalecio Pérez Tizón, impartidos por Pepe Cabido, profesor de Filosofía e experto en novas masculinidades, cunha ampla traxectoria no ámbito da educación en igualdade. As sesións promoverán a reflexión da mocidade sobre os modelos tradicionais de masculinidade, os estereotipos de xénero e a corresponsabilidade, así como sobre a necesidade de construír relacións igualitarias, libres de discriminación e violencia.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, destaca a importancia de traballar estes valores desde as primeiras etapas educativas “educar en igualdade desde a infancia é fundamental para construír unha sociedade máis xusta. Queremos que as nenas e os nenos comprendan que as tarefas domésticas e os coidados son responsabilidade de todas as persoas e que aprendan a relacionarse desde o respecto, a empatía e o bo trato”.
A concelleira Ana Núñez pon tamén en valor o alcance desta iniciativa, que chegará a preto de 1.000 estudantes tudenses. Nese senso sinala que “con estes obradoiros queremos ofrecer á nosa mocidade ferramentas para identificar e cuestionar os estereotipos de xénero, reflexionar sobre os modelos tradicionais de masculinidade e construír relacións máis igualitarias”. Engade que “a educación é unha das ferramentas máis importantes que temos para previr as desigualdades e as violencias machistas”.
Con esta programación, o Concello de Tui reforza a súa aposta pola educación e a sensibilización como ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, promovendo desde as aulas valores como a cooperación, o respecto, o coidado mutuo e a responsabilidade compartida.





