Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado "Play Doc" que comeza o vindeiro mercores

29/03/2011

Play-Doc un festival pequeno que fai grandes cousas” destacan os seus directores

Pese a crise lograron unha das programación de máis calidade dos últimos anos

A inauguración ten lugar este mércores ás 21h

Play-Doc é un festival pequeno en número de películas e en orzamento, pero que fai grandes cousas”. Así o expuña esta mañá Sara García, directora deste Festival Internacional de Documentais de Tui xunto a Ángel Sánchez, na presentación da sétima edición deste evento na que estiveron acompañados polo alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e polo concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

Play-Doc vaise celebrar dende este mércores, 30 de marzo, ata o 3 de abril en Tui, tendo coma eixo central das súas actividades o edificio da Área Panorámica. Tras sete edicións Play-Doc tense convertido nun referente internacional, e este ano conseguir superar os atrancos da crise económica e seguir en cartel, non sen moitos esforzos por parte dos seus organizadores. Hoxe na presentación destacaban o apoio do Concello de Tui para seguir adiante nestes momentos de crise e o “compromiso” con este festival. Ángel Sánchez manifestou a súa ledicia por “poder manter vivo o festival” que “Galicia merece ter, que todos merecemos e que está feito directa e exclusivamente para o público, porque o público sempre nos devolveu con xenerosidade o seu apoio”.

Precisamente pese ao difícil que foi este ano Sara García explicaba que lograron unha das mellores programacións, “conseguimos un festival espectacular” o que sitúa a Play-Doc á altura dos máis prestixiosos festivais internacionais que “é unha referencia nacional deste xénero” e acada “un éxito de público sen precedentes”.

A programación sinalaba a directora de Play-Doc que presenta unha mostra do mellor do cine documental, así coma dous especiais dedicados a Lech Kowalski, coa estrea en España da súa última película, e Marcel Lozinski, un dos realizadores polacos máis afamados, ao que se lle dedica a primeira retrospectiva en España en Play-Doc. A música terá o seu oco cos documentais e tamén nos concertos de Tachenko, Aaries e o cuarteto Caramuxo. Outros dos aspectos destacados por Sara García son os obradoiros que segundo expuña “son unha aposta clara polo fomento dos novos realizadores”, unha iniciativa novedosa que está chamando a atención no circuíto internacional de festivais. Precisamente no obradoiro “Retrato filmado” Ángel Sánchez avanzaba que este ano van render unha pequena homenaxe a Palmira Paramos, protagonista dun deses retratos que faleceu recentemente.

Ángel Sánchez referiuse á xornada inaugural de Play-Doc que será este mércores ás 21h. Comezará coa proxección do documental de Carlos Núñez “Brasil somos nós” e ás 22.30h poderemos ver “Todos vos sodes capitáns” premiada en Cannes.

Pola súa parte o Alcalde, Antonio Fernández Rocha abría a súa intervención destacando que sen Sara e Ángel “non estariamos á cabeza dunha programación deste nivel” engadindo que “esta é unha aposta forte que o Concello fai pola cultura”. Apuntaba que é unha aposta necesaria porque no seu parecer Galicia necesita este tipo de festivais, agradecendo aos seus directores que apostaran por Tui para realizalo, polo que dicía que “sempre lles vou estar agradecido”. Agradeceu amais a lembranza que este ano se vai facer de Palmira Paramos.

Moisés Rodríguez na súa intervención salientou que “Play-Doc é o acontecemento cultural máis importante do ano en Tui” e o “Festival de documentais máis importante de España”. Expuña tamén que o festival “consigue que en Tui se fagan actividades de primeira liña a nivel nacional” Felicitou aos directores do festival por lograr que “o Play-Doc siga en cartel aínda que estivo a piques de perderse”.

Máis información en www.play-doc.com