Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o programa "Mes do libros" da Biblioteca Municipal que comeza maña con Tusitala contacontos ás 18,00 h.

1/04/2009

No decurso dunha rolda de prensa realizada esta maña polo concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, acompañado polo técnico da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, foi presentado o programa de actividades a desenvolver pola Biblioteca Pública Municipal de Tui ao longo dos meses de abril e maio baixo o suxestivo titulo de "Mes do libros", que se desenvolve en colaboración co programa "Letras Vivas" da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

 

O programa comeza mañá 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuventil -en lembranza da data de nacemento de Hans Cristian Andersen- cunha actividade dirixida aos cativos a cargo de Tusitala contacontos, denominada "Os contos da Vía Láctea". Este espectáculo será ás 18,00 horas.

 

Entre os obxectivos que se marca a Concellería para este centro bibliotecario está o incremento de usuarios e especialmente do préstamo de libros.

 

Para acadar o primeiro obxectivo na programación presentada hoxe abordase por vez primeira actividades para adultos e para mozos. Así o 22 de abril haberá unha sesión de contacontos para adultos a cargo da actriz Charo Pita, titulada "Mulleres de palabra". En canto aos mozos a principios de maio será creada unha pequena sección de cómics na Biblioteca e para lanzar esta sección haberá unha actividade denominada "Obradoiro Express de banda deseñada" a cargo do ilustrador Gochi o vindeiro 8 de maio.

Igualmente seguiras as actividades de animación á lectura dirixidas aos nenos e nenas:

-          23 de abril, día do libro, lectura de capítulos do Quijote por xentes da vida social tudense

-          24 de abril, Ulalume contacontos co espectáculo "O libro dos libros"

-          14 de maio: Pavís Pavós, co seu contacontos "Había unha vez..."

 

Por outra banda, a Biblioteca prepara para o mes de maio unha exposición que baixo o nome de "Tui escrébese en versos" amosará unha escolma de poemas dedicado a Tui por diversos autores en lingua galega e castelán que iran acompañadas por imaxes da nosa cidade.

En relación ao segundo obxectivo, incrementar o número de prestamos, o Concello en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte e o Ministerio de Cultura, está facendo un esforzo para mellorar e actualizar os fondos bibliográficos. Así no primeiro trimestre de 2009 foron incorporados 580 novos titulos (418 para adultos e 162 para nenos) superando a colección da biblioteca os 27.000 rexistros. E así nestes tres primeiros meses do ano foron emprestados un total de 1.153 libros (563 de adultos e 590 infantís) que resultan escasos para o fondo que posúe a Biblioteca Municipal. Sinalou tamén o concelleiro como a Biblioteca ten 904 persoas inscritas no servizo de acceso a Internet, delas 93 inscritas neste primeiro trimestre. Neste sentido lembrou que o catálogo da Biblioteca está accesible en Internet na páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia (www.rebgalicia.org) e agardamos que axiña a Biblioteca posúa súa propia paxina web.