Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o PEPCH aos grupos politicos da Corporación Municipal

28/12/2011

PRESENTADO O PEPCH AOS GRUPOS POLITICOS DA CORPORACIÓN

 

Mércores, 28 de decembro de 2011. Onte, martes 27 de decembro, o equipo redactor do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui, da empresa Otea adxudicataria da súa redacción, presentou aos diversos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal tudense o documento para a aprobación inicial desta figura de planeamento.

 

No decurso da xuntanza foron informados sobre o contido deste documento e as liñas básicas que enuncia este Pepch. O Plan abrangue os  ámbitos interior a Muralla Moderna e a Muralla Medieval así coma a zona extramuros de San Bartolomé, recollendo os seguintes barrios: Intramuros con: A Cidade Medieval, A Cidade Contemporánea Sto. Domingo e a Corredoira e a zona extramuros co barrio de San Bartolomeu.

 

O Pepch define os diversos niveis de protección das edificacións: nivel monumental, integral, estrutural e ambiental; en canto aos terreos existentes poden estar definidos como xardín de carácter histórico ou elemento singular que abrangue aos bens de valor etnográfico. Todos estes elementos figuran no catálogo que posúe unha ficha individualizada para cada inmoble onde define os seus parámetros de protección. No plan figuran tamén os elementos non catalogados e os elementos fóra de ordenación, os primeiros que no se adecúan estritamente aos criterios do PEPCH e os segundos que ao estar completamente descontextualizados no conxunto histórico non se adecúan aos criterios do novo planeamento.

 

Completase a documentación cun estudo de mobilidade, de sustentabilidade ambiental e económica e unha estratexia de actuación e un estudio económico da súa posta en execución.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción polo feito de que no vindeiro mes de xaneiro a Xunta Local de Goberno procederá á aprobación deste antreproxecto abríndose de seguido o período de exposición pública para a presentación das alegacións que os cidadáns estimen pertinentes. O goberno municipal confía que o Pepch reciba a súa aprobación definitiva ao longo do segundo semestre de 2012.

 

O rexedor tudense sinala que o documento a aprobar de inmediato é esencialmente un documento técnico no que se aborda a protección do noso conxunto patrimonial con rigor e dende prantexamentos tendente a súa conservación integral. Dende esta óptica cómpre analizar o contido deste planeamento, que abre un camiño de futuro para o conxunto histórico e para a propia cidade de Tui. Os obxectivos que prantexa o Pepch son a medio e longo prazo pois, por exemplo, o seu plano de investimentos acada unha temporalidade de doce anos. Estamos diante dunha importante e arriscada aposta que o goberno municipal tudense realiza para a conservación do segundo conxunto monumental máis importante de Galicia, dando cumprimento a un dos seus compromisos electorais.