Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o novo rueiro de Tui

11/02/2011

Tui presenta un novo rueiro a toda corAporta información detallada sobre o casco urbano e os arredoresEditáronse 40 mil exemplares Xoves, 10 de febreiro de 2011.  O Concello de Tui presentou esta mañá un novo rueiro da cidade do que se veñen de editar 40 mil exemplares a toda cor, co que se reforza o material turístico con que conta a cidade. O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, deron conta dos pormenores deste novo material turístico.                                                                                 Moisés Rodríguez abría a súa intervención destacando a importancia que o turismo ten xa que dicía “pode ser o motor que reactive a economía de Tui e da comarca do Baixo Miño”. Nese senso apostaba por un traballo mancomunado ou internacional en coordinación cos municipios portugueses limítrofes. Apuntaba o edil que o rueiro é froito dun traballo meticuloso e gráfico realizado polos técnicos municipais, no que se incorporaron novos edificios e servizos con que conta a cidade como a Aula da UNED, o novo xulgado, o Conservatorio...  Pola súa parte o Alcalde redundou na aposta de traballo conxunto en materia turística con outros concellos, e nese senso adiantaba que están elaborando, xunto a Valença, Monçao e Salvaterra de Miño, un proxecto ambicioso para atraer máis turismo á zona. Nese senso engadía que “a nosa preocupación é traer á xente a Tui, que coñezan a xoia que temos, non só o valor patrimonial, senón tamén o pulmón medioambiental que temos que é o Parque Natural do Monte Aloia e o propio río Miño”.  O novo rueiro a dobre páxina presenta na súa portada un mosaico de distintas fotos dos principais enclaves turísticos, e un plano no que se poden observar as principais vías de comunicación que dan acceso ao casco urbano coma a N-550, a A-55 ou a AP-9.  No mesmo aparece tamén o trazado co Camiño de Santiago, os accesos ao Parque Natural do Monte Aloia, ao Parque Empresarial de Areas e a Valença do Miño. Tamén se atopa un relatorio dos principais puntos de interese turístico.  Na outra páxina reflíctese o trazado e nome das distintas rúas do casco urbano de forma clara así coma a disposición dos principais monumentos e servizos.  Con respecto ao rueiro que se viña empregando ata o momento este novo deseño amplía o seu ámbito recollendo o extrarradio do casco urbano, e tamén de xeito máis específico un rueiro do conxunto histórico. Coa edición deste novo rueiro de Tui, deseñado polo equipo técnico do Concello, perséguese ofrecer unha mellor e máis ampla información sobre a cidade tanto para turistas, visitantes, comerciantes, coma para o público en xeral. Algo que os responsables municipais agardan redunde nun mellor coñecemento do municipio. A edición deste novo material vense a sumar a do novo Folleto Turístico que foi presentado o pasado mes de setembro, do que se editaron 40 exemplares en castelán, galego, inglés e portugués.  O novo rueiro está a dispor dos interesados na Casa do Concello de Tui e na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia na Área Panorámica. Nos próximos meses tamén será distribuído, xunto ao novo folleto turístico na Oficina Municipal de Turismo, en canto esta volva abrir ao público. O investimento en material turístico para este ano 2011 supera os 20 mil euros. Na presentación desta mañá lembráronse os datos recollidos pola Oficina Municipal de Turismo ao longo de 2010. Nese ano, permaneceu aberta de abril a decembro recibindo máis de 39 mil consultas tanto de turistas coma de peregrinos.