Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentada a programación cultural do 2º semestre de 2012 con 18 espectáculos

13/07/2012

  Dezaoito espectáculos conforman a programación cultural de Tui do segundo semestre de 2012

A aportación municipal reduciuse nun 19% con respecto a 2011

 

Xoves, 12 de xullo de 2012. Está xa na rúa un novo número da Axenda Cultural Corredoira que recolle a programación cultural, organizada pola Concellería de Cultura de Tui, para o segundo semestre deste ano. Son un total de 18 espectáculos os previstos ata finais de ano dos que oito se van celebrar no verán e os dez restantes a partir de outubro no Teatro Municipal.

 

A presentación desta programación tivo lugar esta mañá na Casa do Concello de Tui por parte do alcalde, Moisés Rodríguez e da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

 

O orzamento desta programación ascende a 56 mil euros, dos que o concello aporta un 60%. Con respecto ao ano pasado a aportación municipal reduciuse nun 19% pasado do 42 mil euros de 2011 aos 34 mil de 2012, segundo explicaba a concelleira Vanesa Rodríguez.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, manifestaba que segue defendendo que a cultura é investimento rendible, engadindo que nestes tempos hai que ser austeros. Nese senso apuntaba que coa actual situación económica é complicado elaborar unha programación cultural, pese a saneada situación económica de Tui. O mandatario tudense felicitaba á concelleira e ao departamento de Cultura polo seu traballo ao tempo que agradecía a colaboración das distintas institucións e das asociacións tudenses.

 

Toda a programación é recollida na Axenda Cultural Corredoira da que se editaron 15 mil exemplares dos que 5 mil serán distribuídos en domicilios de Tui e outros 5 mil en Valença do Miño. Os 5 mil restantes estarán a dispor do público en puntos de interese coma a oficina de turismo,a Área Panorámica ou establecementos comerciais e de restauración.

 

Entre as novidades recollidas este ano con respecto ás actividades de pago está que os posuidores do carné da Biblioteca Municipal terán dereito a un desconto similar ao que disfrutan xa os usuarios do carné xove, máis, familia numerosa, estudante, desempregado ou xubilado.

 

A programación de verán comezará o próximo venres 20 de xullo coa proxección de “Río” na praza de San Fernando. Esta será a primeira das tres películas que haberá este verán, as que se sumarán “Rango” o 3 de agosto, e “Kung Fu Panda 2” o 17 de agosto. Xa o martes 24 deste mes celebrarase a XIII Noite Internacional do Miño, unha cita consolidada organizada pola Escola de Baile e Gaitas San Fins de Rebordáns, que este ano achegará grupos de Indonesia, Perú, Togo, Venezuela e Xapón. A programación de xullo completarase co Festival de Bandas de Música no que o 27 de xullo actuarán a Agrupación Musical da Guarda e a Banda de Música Popular de Tui.

 

Xa en agosto do 8 ao 12 celebrarse o ciclo Música no Claustro baixo o título de “CreatiVIDAde”. Tamén en agosto se celebrará, coincidindo co Descenso Internacional do Miño a segunda edición da Festa do Miño, que será presentada en breve.

 

En canto a programación de Outono haberá un total de 10 espectáculo dos que catro serán musicais, 5 de teatro e un de maxia. Catro deles estarán dirixidos a público infantil.

 

A primeira cita será o 5 de outubro co primeiro concerto no Teatro Municipal do artista tudense Samuel Diz. O venres 19 de outubro o grupo Leilía presentará o seu traballo “ConSentimento” que é unha homenaxe ás mulleres que apostaron pola conservación da tradición oral galega.  O Centro Dramático Galego volve a Tui para pór en escena o seu espectáculo “O Profesional” do que haberá dúas funcións o venres 26 e o sábado 27 de outubro.

 

En novembro, o día 9, Teatro do Atlántico achega a comedia “E.R. (Algún día traballaremos xuntas”. A seguinte cita será co grupo musical Mamá Cabra e o espectáculo “Ola Ola lá!” o 17 de novembro. Ao día seguinte Producións Teatrais Excéntricas representará “Oeste Solitario”.  Pecha a programación de novembro La Machina Teatro con “Grillos e Luciérnagas” dirixido aos máis pequenos.

 

Xa en decembro a compañía Elefante Elegante representará “Nuncabunga” o día 14 , mentres que o 21 haberá un espectáculo de maxia co mago Martín Camiña. E para o pór o punto final a actividade cultural de 2012 o 28 de decembro celebrarase o Concerto de Fin de Ano a cargo da Coral da S.I. Catedral de Tui e da Banda de Música Popular de Tui.

 

A Corredoira inclúe tamén as exposicións previstas na Sala Municipal, as visitas guiadas na Eurocidade e as Xornadas Europeas da Cultura Xudía e do Patrimonio que se celebrarán en setembro.

 

 

Toda estas actividades pódense consultar amais de na Axenda Cultural Corredoira, nos valos que se instalarán xunto á Área Panorámica, e na web www.culturatui.info.

 

 

Ver programación cultural completa 2º Semestre 2012 en PDF (Parte 1)

Ver programación cultural completa 2º Semestre 2012 en PDF (Parte 2)