Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentada a mostra "Novos Valores" 2010 na Sala Municipal de Exposicións

14/01/2011

PRESENTADA EN TUI A EXPOSICIÓN "NOVOS VALORES"

 

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra encargado da área de Cultura, José Juan Durán, xunto ao concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, presentaron esta mañá a Exposición Itinerante "Novos Valores 2010". que abre as súas portas na Sala Municipal de Exposicións do concello tudense ata o 31 de xaneiro. Esta mostra, está composta polas obras seleccionadas do Certame Novos Valores 2010, anteriormente expostas nas dependencias do Museo de Pontevedra e noutras localidades da província.

Cómpre sinalar que das 39 obras seleccionadas neste certame, no que se presentaron mais de 300 obras, só cinco non sairán nesta itinerancia por xa ter comprometida a súa exposición en galerías e mostras temporais varias. Si estarán presentes todas as obras premiadas e adquiridas pola Deputación, entre as que se atopan creacións en formato vídeo, escultura, gravado, debuxo, fotografía e pintura.

Hai xa 25 anos que se celebra o certame de "Novos Valores" da Deputación de Pontevedra que pretende incentivar a arte mais nova ofrecendo aos gañadores diversas bolsas para completar a súa formación académica e artística. Dentro deste labor de promoción está a itinerancia desta mostra que por diversas localidades da provincia pretende dar a coñecer as súas creacións, a súa sensibilidade social, cultural e plástica.

Con esta exposición os tudense poden achegarse a contemplar unha escolma de obras artísticas que representan a aportación das novas xeneracións de creadores que ofrecen unha exposición chea de novidade, de cromatismo, de imaxinación... amosando os camiños polos que transita na actualidade a creación artística contemporánea.

 

Resulta pois unha exposición de grande interese coa que abre este novo ano a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui que segundo o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, ven apostando por converterse nun espazo expositivo de referencia no sur da provincia acollendo mostras moi diversas pero, en xeral, de grande calidade, como é agora o caso desta exposición de "Novos Valores" que gracias á positiva labor cultural que desenvolve a Deputación Provincial chega onda os tudenses neste mes de xaneiro.