Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentación da Eurocidade Tui - Valença en Fitur

20/01/2012

 

OS ALCALDES DE TUI E VALENÇA PRESENTAN A EUROCIDADE EN FITUR

 

Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui, Jorge Salgueiro Mendes, Presidente da Cámara Municipal de Valença presentaron esta mañá no stand deTurgalicia oferta turística da Eurocidade na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra estes días en Madrid. Os mandatarios tudense e valenciano estaban acompañados polos respectivos concelleiros de turismo: Raquel Lorenzo de Tui e José Monte de Valença.

Ambos rexedores explicaron na súa intervención os recursos de caracter turístico que ofrecen ambas cidades destacando o seu caracter complementario. No ámbito do patrimonio, a cidade tudense que ten na súa Catedral medieval o seu principal expoñente, namentres que Valença posúe o seu recinto fortificado de época moderna.  A condición xacobea de ambas localidades no Camiño portugués e con senllos albergues de peregrinos ofrece outro atractivo á visita estas cidades.

A natureza ten tamén singular importancia neste enclave: o río Miño (integrado na Rede Natura 2000) está complementado polo Parque Natural do Monte Aloia en Tui e o sendeiro PR 18 de Tui e a Ecopista de Valença. Ambas cidades fornecen tamén unha ampla oferta comercial que atrae a numerosos visitantes. Por último, completa esta oferta unha ampla rede de establecementos de hostalería (co Parador tudense e a Pousada valenciana como principais expoñentes ou a recente estrela Michelín do restaurante “Silabario” de Tui) e diversas empresas de turismo activo cunha ampla oferta de actividades.

Dentro da oferta gastronómica, citouse a Tui como a capital do meixón, ademais de apuntar algúns dos pratos típicos como a lamprea do Miño ou os peixiños de améndoa, elaborados polas monxas de clausura. Tamén Valença co seu caldo verde, escollido como un dos pratos máis representativos de Portugal posúe unha ampla oferta. O viño albariño con denominación de orixe Rías Baixas, é tamén un dos caldos por excelencia na zona, ademais de tratarse dun emblema da enoteca galaico-portuguesa.

Para Moisés Rodríguez está presentación ten resultado sumamente positiva por unha dobre razón: por unha banda, consolida o traballo conxunto entre as cidades de Tui e Valença  tamén nesta materia de promoción turística, en segundo lugar, esta oferta da eurocidade é un elemento novidoso que está resultando moi valorado polos asistentes a Fitur, que nestas xornadas son exclusivamente profesionais do sector. A presenza da eurocidade Tui – Valeçan nesta feira de turismo, a segunda máis importante do mundo, aporta unha visibilidade aos valores turísticos e patrimoniais de ambas cidades de grande alcance e transcendencia.