As prazas da Armada, Fromista e Pracer transformaranse para recuperar o seu valor patrimonial
Co financiamento do PSTD executaranse os proxectos que veñen de ser aprobados na Comisión do PECHA
As prazas da Armada, Fromista e Pracer no conxunto histórico de Tui vanse transformar recuperando a súa esencia orixinal e adaptándose as necesidades do sécullo XXI. Estas actuacións vanse levar a cabo no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Vive a Historia, Descubre Tui: Conexión sostible entre patrimonio e natureza”, financiado con fondos NextGenerationEU.
Esta semana a Comisión do PEPCHA, Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico de Tui, deu luz verde a estes tres proxectos de remodelación presentados polo Concello de Tui e elaborados por diferentes estudos de arquitectura locais.
Tras esta validación, os equipos redactores traballan xa na redacción dos proxectos de execución, paso previo imprescindible para a súa aprobación definitiva e posterior licitación das obras.
Deste xeito o Concello de Tui impulsa a transformación da Praza da Armada, xunto coas prazas de Fromista e do Pracer, co obxectivo de recuperar o valor patrimonial e urbano destes espazos clave do centro histórico, devolvéndolles a súa esencia orixinal e adaptándoos ás necesidades do século XXI.
No caso da Praza da Armada, eliminaranse elementos disonantes, recuperarase a súa imaxe aberta e redeseñarase o espazo para favorecer a accesibilidade, o tránsito peonil e a vida social, todo cun enfoque respectuoso e singular. A intervención complétase coa incorporación puntual de vexetación, novo mobiliario urbano e unha iluminación ambiental integrada que realza a contorna sen alterala.
A actuación nas prazas de Fromista e do Pracer seguirán esta mesma liña de actuación, consolidando un modelo de cidade máis sustentable e pensado para as persoas.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, afirma que “estamos nun momento ilusionante e estratéxico para o noso patrimonio”, engadindo que “recuperamos espazos para as persoas, tendo en conta a identidade e historia da cidade, mirando ao pasado dende o presente, e mirando cara ao futuro”.
Con este ambicioso proceso de transformación urbana, Tui reforza o seu compromiso co patrimonio, a sustentabilidade e a calidade de vida da veciñanza e das persoas visitantes.