Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Praza de San Fernando acolle o venres "Tui le" unha iniciativa das bibliotecas tudenses

29/03/2011

A PRAZA DE SAN FERNANDO ACOLLE O VENRES “TUI LE” UNHA INICIATIVA DAS BIBLIOTECAS TUDENSES

Martes, 29 de marzo de 2011. A praza de San Fernando, diante do pórtico da catedral tudense acollerá o vindeiro venres 1 de abril a segunda edición dunha novidosa iniciativa da Biblioteca Municipal e das bibliotecas escolares do municipio que baixo o título de “Tui le, os libros na praza” tentará ao longo de todo o dia de encher este espazo público de libros usados e vellos.

Na pasada edición esta festa dos libros tivo lugar o 23 de abril, día do libro, pero ao coincidir este ano coa Semana Santa os organizadores acordaron realizar esta nova edición de “Tui le: os libros na praza” o venres 1 de abril, véspera do “Día do libro infantil e xuvenil” que se celebra en todo o mundo o 2 de abril lembrando a figura de Hans Christian Andersen.

Hoxe foi presentada esta iniciativa polo concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, acompañado polo responsable da Biblioteca Municipal, Rafael Sánchez Bargiela, e un representantes das bibliotecas escolares participantes, José María Lores da biblioteca do IES “San Paio”

.

Dende as 09,30 horas da mañá ata ás 19,30 horas calquera persoa que se achegue ata a Praza de San Fernando pode depositar os seus libros usados ou vellos neste lugar e/ou recoller un libro que estea alí depositado e que resulte do seu interese. “Leva e/ou colle os libros” reza a propaganda realizada polas bibliotecas para convidar aos veciños a sumarse a esta iniciativa. Insisten os organizadores que nesta edición será imprescindible achegarse con ao menos un libro para poder retirar outro dos depositados na Praza de San Fernando tudense.

Ao longo da mañá pasarán pola Praza de San Fernando máis dun millar e medio de alumnos dos centros educativos de Tui: IES San Paio, CEIP de Caldelas, CEIP nº 2, CEIP de Pazos de Reis, Colexio Rural Agrupado, CEIP de Randufe, CEIP nº 1, CEIP de Guillarei e Rebordáns, Colexio Maristas, Seminario Menor e rematará co alumnado do IES Francisco Sánchez. Ao longo da mañá na Praza de San Fernando os diversos grupos escolares asistentes realizarán recitais de música, de poesía, lectura de textos, etc. Pola tarde, as 18,00 horas haberá unha sesión de maxia a cargo do Mago Gusi que representará o seu espectáculo “Nadanamanga”, organizado pola Biblioteca Municipal ao abeiro do programa Letras Vivas que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.

O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, resalta que esta “festa dos libros” é a primeira actividade que organizan conxuntamente a Biblioteca Municipal e as bibliotecas dos centros escolares do noso municipio, abrindo así cunha colaboración que agarda dea novos froitos nun futuro. Salienta tamén o edil tudense que esta actividade promove a difusión do libro e a lectura dun xeito lúdico e posibilita que todos os cidadáns poidan achegarse á cultura escrita.