Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Policía Local rexistrou 3 alcoholemias positivas e propuxo 4 sancións á subdelegación do goberno na fin de semana

17/08/2020

Os axentes mediaron tamén en varias pelexas rexistradas

Tres alcoholemias positivas, 4 propostas de sanción á  subdelegación,  1 proposta de sanción por incumprimento da ordenanza de convivencia  cidadá, entre outras, foron as principais actuacións levadas a cabo esta fin de semana.

En materia de tráfico 3 condutores deron positivo no control de alcoholemia realizado por axentes da Policía Local o venres a noite. Un destes condutores deu un resultado positivo de 0,66 mg/l nunha primeira proba en aire expirado, e 0,58 mg/l na segunda, polo que foi proposto para sanción administrativa e lle inmobilizaron o vehículo. Os axentes levaron a cabo tamén un dispositivo de control de uso de sistemas de retención infantil, cinto e documentación de vehículos. O sábado ás 4.45 h interceptaron a un vehículo que circulaba en dirección contraria en Augusto Gonzalez Besada. O domingo á tarde colaboraron co 112 tras rexistrar dunha saída de vía na entrada da autovía en dirección Vigo. 

A Policía Local na madrugada do venres ao sábado, ás 3.30 h tras recibir aviso do 112 acudiu a unha multitudinaria pelexa na Macoca. Os axentes solicitaron reforzos á Garda Civil, persoándose 3 patrullas, dúas da USECIC. 

Tamén o sábado á tarde os axentes tiveron que mediar, tras ser avisado polo 112, nunha pelaxa familiar, na que non houbo incidentes de gravidade. E onte domingo ás 16.04 h foron requiridos tamén polo 112 para intervir noutro conflito familiar entre un fillo e unha nai. 

O sábado ás noite, tras recibir queixas da veciñanza, axentes da Policía Local interviron nunha festa privada nunha vivenda, que aínda que contaba con autorización, está a incumprir a ordenanza en municipal de convivencia cidadá. Por este motivo e por desobediencia os efectivos policiais cursaron a correspondente denuncia. 

Por outra parte o sábado ás 18.50 h efectivos da Policía Local desprazáronse até Sombraboa en Randufe, onde se rexistrou un conato de incendio. A súa vez deron aviso aos membros de Protección Civil de Tui que sufocaron o lume. Os axentes abriron dilixencias administrativas ante Medio Rural. 

Amais durante a fin de semana Policía Local de Tui colaborou no control do tráfico para facilitar a celebración o sábado do Descenso Internacional do Miño.