Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Pola previsión de choiva as actividades de mañá das Xornadas Europeas da Cultura Xudía sufriron cambios

3/09/2022

Amais, e ata o domingo 11, haberá bacallau en diversas versións no Parador de Tui e no Gastrobar Trisco do Miño

A cidade de Tui segue acollendo esta fin de semana diferentes actividades arredor da celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía e que contribúen á posta en valor do amplo conxunto patrimonial existente na cidade de Tui, e ligadas á presenza de comunidades xudías e cripto-xudías ao longo dos séculos neste territorio do Miño.

Sen embargo, e debido á previsión de choiva para mañá domingo, as actividades programadas sufrirán os seguintes cambios:

- Visita teatralizada ao patrimonio xudío de Tui, que ía realizarse mañá ás 12:00 h dende a Oficina de Turismo, queda aprazada para o próximo domingo día 11. A asistencia é libre.

- O concerto de música sefardí con Helena Madeira, que ía ter lugar na praza do Pracer mañá ás 20:00 h, será na igrexa de San Domingos á mesma hora.

Con todo, continúan as xornadas gastronómicas, e o farán ata o próximo domingo día 11. Os restaurantes adheridos ofrecerán as seguintes propostas, que xiran en torno ao bacallau:

- Parador de Tui con “Bacallau gratinado con emulsión suave de allo e repolo”

- Gastrobar Trisco do Miño con “Bacallau á portuguesa”

A temática elixida para celebrar en 2022 a Xornada Europea da Cultura Xudía en 35 países europeos foi RENACER, un concepto entretecido en moitos aspectos da vida e a práctica xudías, como é no sentido de recuperación do pasado. Un concepto que permite seguir as pegadas e a memoria naqueles lugares onde houbo presenza xudía, e que a pesar da súa desaparición conserva aínda na actualidade unha herdanza e un patrimonio sen o cal non seriamos capaces de entender o presente, e cuxo legado, de xeración en xeración, constitúe un tesouro fundamental na transmisión da identidade. Hoxe, temos a sorte de contar en Tui con testemuños materiais e inmateriais que permiten coñecer e pór en valor este importante e enriquecedor patrimonio. Acceder a este patrimonio sempre é posible, non xa pola visitas preparadas para estas xornadas, senón que a “Ruta xudía” está sinalizada e a través de turismotui.mobi pódese seguir esta itinerario con xeolocalización e información complementaria á existente nos sinais.

Ao longo desta fin de semana do 3 e 4 de setembro convidamos a visitar o espazo RENACER, na Praza da rúa Ordoñez, simbolizado por unha grande bolboreta Monarca, unha fermosa especie que representa a transformación, e simboliza a vida, o tempo e o renacemento. As súas ás estarán expostas neste lugar, inmediato á entrada ao conxunto histórico tudense, e convidamos ao visitante que cando as atopes, tire unha fotografía con elas e a suba a Instagram. Etiquétenos co noso perfil de Instagram @redjuderias e usando os hashtags: #renacer #redjuderias.  Así, axudaranos a construír o mapa de Sefarad, porque con todas as imaxes crearemos un gran mosaico co noso logo. Ademais, entre os autores de todas as fotografías enviadas, sortearemos unha viaxe de dúas noite con aloxamento e almorzo para 2 persoas na cidade da Rede de Xudarías que elixa o gañador.