Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A piscina municipal de Tui abre as súas portas este sábado, 15 de xuño

13/06/2024

Mantense o horario e prezos de temporadas anteriores. Ao remate da temporada estival iniciaranse as obras de mellora das instalacións

Están xa preparadas para unha nova temporada estival as piscinas municipais de Tui. Tras as obras de mantemento e posta a punto da instalación este sábado as piscinas abrirán as súas portas ao público.  Este servizo contará co horario habitual doutras temporadas que será de luns a venres de 13.30 a 20.30 h e os sábados, domingos e festivos de 12.30 a 20.30 h.

Non varían tampouco os prezos. A entrada individual de adulto terá un prezo de 2€ e a infantil para nenos e nenas de 4 a 14 anos, e a de persoas xubiladas será de 1,5€. Unha temporada máis haberá bonos de baños cun prezo de 40€/persoas adultas e 35€/infantil e de persoas xubiladas.

A piscina permanecerá aberta ata o domingo 9 de setembro.

Rematada a temporada estival comezarán as obras de reforma e mellora das instalacións que serán subvencionadas polo Consello Superior de Deportes cunha achega de 197.489,35 euros con cargo aos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O proxecto a executar permitirá actualizar este servizo con actuacións que redundarán na mellora da eficiencia enerxética solucionando os problemas de perda de auga , renovando os equipos técnicos e mellorando a   infraestrutura exterior.