Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

As persoas participantes no curso “Coidándo-me” recibiron formación en autocoidado ao longo de tres meses

31/05/2022

A pasada semana tivo lugar a clausura do curso

A semana pasada rematou o curso “Coidándo-me” que dende o mes de marzo se impartiu no Centro Sociocomunitario de Tui, organizado polo Concello de Tui en colaboración con AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia.

Trátase dun programa psicoeducativo para coidadores familiares de persoas maiores dependentes. Ao longo de doce sesións as persoas participantes, recibiron información e formación sobre as diferentes patoloxías que xeran dependencia e estratexias prácticas para o coidado. Ao tempo que se fomentou o seu autocoidado. Tamén recibiron orientación sobre recursos sociais e de apoio para situación de dependencia. Beatriz Rodríguez, psicóloga xeral sanitaria de AFAGA, foi a encargada de conducir as sesións. Participaron tamén unha fisioterapeuta, unha traballadora social e unha enfermeira.

O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, e o presidente de AFAGA, Carlos Rodríguez, xunto á traballadora social do Concello de Tui, Carmen González, e a directora do Centro Sociomunitario, Irene Arias, achegáronse o pasado xoves ao Centro Sociomunitario para facer a entrega dos diplomas ás persoas asistentes.

O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, agradeceu o traballo realizado por todas as persoas que impartiron o curso e que o fixeron posible. Destacou que “con iniciativas coma esta queremos axudar ao eslabón máis vulnerable que son as persoas coidadoras non profesionais”, destacando a importancia do autocoidado.

No mesmo senso pronunciouse o presidente de AFAGA, Carlos Rodríguez, indicando que “a idea deste programa era abordar o papel do coidado e coma podemos axudar a autocoidarse, e como xestionar o día a día”.

O Concello de Tui leva a cabo outras actividades en colaboración con AFAGA coma o programa de estimulación de persoas con alzheimer en fases iniciais, ou o programa Cultiva a Mente que se leva a cabo nas parroquias.