Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“Outubro Mes da Biblioteca” oferta dez actividades arredor do libro e a lectura

30/09/2026

Inicio dos clubs de lectura, contacontos, presentacións e exposicións ao longo deste mes de outubro

Dez actividades conforman a programación da Biblioteca Municipal de Tui para o mes de outubro baixo o título de “Outubro: Mes da Biblioteca”. Coa mesma conmemórase o Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro.  

O lema deste ano, "Sen profesionais, non hai bibliotecas", ten como obxectivo destacar as persoas que fan que as bibliotecas sexan moito máis que unha simple colección de recursos, estantes e espazos. As bibliotecas, como institucións democráticas, son un servizo esencial para a cidadanía, que busca nelas un lugar para reunirse, intercambiar opinións e compartir coñecementos. Pero detrás de cada préstamo, cada consulta, cada actividade, cada recomendación e cada proxecto hai profesionais que traballan para garantir o acceso á cultura, apoiar as súas comunidades e facer que as bibliotecas sexan espazos abertos, inclusivos e accesibles para todos.

Recoñecer e dar visibilidade a aqueles que realizan este traballo, a miúdo invisible, é fundamental para comprender o verdadeiro valor das bibliotecas. Porque unha biblioteca non é só o que vemos cando entramos nela: tamén é o traballo das persoas que seleccionan e organizan as súas coleccións, preservan o seu patrimonio, facilitan o acceso á información, promoven a lectura, apoian a aprendizaxe e crean actividades e servizos para satisfacer as necesidades dos seus usuarios.

Destaca na programación catro actividades de contacontos para o público infantil:. “Que contan as arbores?” con Maquinarias Teatro, “Colorin, colorote” con Charo Pita e “A boneca de trapo” con Aida Cobas . Tamén terá lugar a presentación de dous libros, da autoría de Fernando Martínez Freiría e Inma López e da primeira editorial creada en Tui, “Móleculas”. Durante o mes de outubro celebrranse dúas exposicións: a de fotografías sobre a catedral de Tui “Na penumbra do tempo” de Gus Abreu e unha mostra bibliográfica sobre o libro “Alicia no país das marabillas” de Lewis Carrol  promovida por Fátima María García Doval, unha das maiores coleccionistas desta obra literaria. Amais terá lugar o obradoiro “Debuxar as letras” con Alba Farto e comezará unha nova temporada do Club de Lectura María Tydeska.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, esta nova proposta de actividades da Biblioteca Municipal é unha excelente oportunidade para achegarse a este centro bibliotecario que traballa cada día para ser un espazo de proximidade coa cidadanía, un ámbito de socialización e intercambio de ideas, que procura facilitar o acceso a información e o coñecemento a todos e todas se exclusión algunha, cun acceso libre, gratuíto e superador das fendas sociais. 

  • Venres 2 ás 19h
    • Presentación do libro "Estado de Conservación de los anfibios y reptiles continentales de Galicia" de Fernando Martínez Freiría.
    • No Espazo sociocultural rúa Camilo José Cela 
  • Martes 6 ás 17.30 h
    • Obradoiro “Debuxar as letras” con Alba Farto. *Inscrición previa na Biblioteca ou en biblioteca@tui.gal
    • Biblioteca Municipal
  • Mércores 7
    • Inicio do Club de Lectura “María Tydeska”
  • Martes 13 ás 17.30 h
    • Contacontos “Que contan as arbores?” con Maquinarias Teatro.
    • Na Biblioteca Municipal
  • Mércores 14
    • “O sentido de Alicia: Exposición bibliográfica sobre o libro de Lewis Carrol” de Fátima María García Doval.
    • Na Biblioteca Municipal
  • Xoves 15
    • Inicio do club de lectura “Tempo de mulleres”
    • Ás 20.00 h Presentación do libro “Despois de san Castelao” de Inma López Silva e da editorial Moléculas.
    • No Espazo socio-cultural rúa Camilo José Cela. 
  • Luns 19 ás 20.00 h 
    • Inauguración de “Na penumbra do tempo”. Exposición fotográfica sobre a catedral de Tui de Gus Abreu.
    • Sala Municipal de Exposicións
  • Martes 20 ás 17.30 h
    • Contacontos para bebés “Colorin, colorote” con Charo Pita.
    • Na Biblioteca Municipal 
  • Sábado 24 ás 11.30  h. Día  das Bibliotecas
    • Contacontos “A boneca de trapo” con Aida Cobas
    • Na Biblioteca Municipal