Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Outro ano máis a iniciativa “Mergúllate nos libros” da Biblioteca Municipal na Piscina Municipal acada un grande éxito de acollida

17/09/2009

NADAR E LER, UNHA COMBINACIÓN PERFECTA

 

Outro ano máis a iniciativa "Mergúllate nos libros" da Biblioteca Municipal acada un grande éxito de acollida

 

Mércores, 16 de setembro de 2009.Un ano máis, e xa van catro, a lectura triunfa na Piscina Municipal de Tui. Unha escolma de libros de todas as materias, idades e gustos á disposición dos bañistas é a base desta iniciativa que pretende ampliar a oferta de lecer, sen deixar de lado o fomento da lectura. A Bibliopiscina estase a converter xa nun clásico máis do verán no Concello e volveremos a gozar dela dentro dun ano, en canto chegue o calor.

 

"Mergúllate nos libros" é unha iniciativa da Biblioteca Pública Municipal dependente da Concellería de Cultura do Concello, que neste ano contou coa colaboración da editorial Everest, pois dada a favorable acollida doutros anos, foi necesario ampliar tanto o espazo dedicado á Bibliopiscina coma a oferta de libros a disposición dos bañistas. Compre lembrar que para acceder a este servizo bibliotecario non é preciso ningún tipo de carné da Biblioteca senón que é de acceso libre e gratuíto, e tampouco supón custo adicional algún para as persoas que acceden ás Piscinas Municipais.

Son dúas actividades, ler e gozar dunha tarde na piscina, absolutamente compatibles e son moitas as persoas que non entenden un pracer lonxe do outro. Deste xeito, dende a Concellería de Cultura, quérese contribuír ao fomento da lectura e para iso achéganse os libros onde está a xente co obxectivo da normalización da lectura en calquera espazo.  Para o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, o obxectivo é fornecer un libro a man cando se poida precisar e demostrar que calquera sitio é axeitado para ler.