Os Minions chegan este venres a Tui dentro do ciclo de proxeccións de verán
O filme comezará as 22:15 na Praza de San Fernando e é totalmente de balde
A Praza de San Fernando acolle este venres , 19 de agosto, a partir das 22:15 horas, o filme “Os Minions” dentro do ciclo de proxeccións de verán enmarcado na Axenda Cultural de Tui.
No filme, estreado en 2015, nárrase a apaixonante aventura de Kevin, Sutart e Bob dende a xeada Antártida, á Nova Iorque dos anos 70 ou ao Londres do século XX na busca dunha xefa a quen servir. Porén, a súa andaina terminará por converterse nunha loita por salvar á raza Minion da aniquilación. Producida por Illumination Entertainment e dirixida por Pierre Coffin e Kyle Balda, foi nominada aos premios Bafta 2016. Un éxito de público que recadou 1.159 millóns de dólares.
En caso de chuvia, a proxección desprazarase ao Teatro Municipal no edificio da Área Panorámica. Neste caso, e ao contar con aforo limitado, sería preciso recoller dúas entradas por persoa media hora antes do comezo do filme.