Os Bolechas chegan a Tui este Nadal para tocar cunha gran orquestra
Será o próximo xoves, 5 de decembro, ás 19 h no Teatro Municipal
“Os Bolechas tocan nunha grande orquestra” é o espectáculo que o próximo xoves, 5 de decembro, ás 19 h chega ao Teatro Municipal de Tui da man desta popular familia e dentro da programación de Nadal.
O tambor, a guitarra, o piano, a frauta... son algúns dos instrumentos musicais que soan na orquestra dos Bolechas, que nunha nova xira de teatro ofrecerán un gran concerto para transmitirlles aos nenos e nenas a importancia da colaboración e a creatividade.
Neste teatro de monicreques Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, xunto co seu can Chispa, deciden construír un escenario musical despois de atopar unha caixa chea de instrumentos musicais para ofrecer un gran concerto. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, aprenden os diferentes estilos musicais e compoñen as súas propias cancións ao tempo que se divirten en galego.
Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración do Concello de Tui. Ambas institucións remarcan a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, apuntan.
A actividade é un teatro de monicreques para que participen nenos e nenas de 4 a 9 anos e as súas familias, con entrada libre ate completar o aforo.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, sinala que este espectáculo fusiona o teatro de monicreques coa música nunha proposta que busca crear un ambiente distendido e alegre dirixido a toda a familia aportando novas experiencia de lecer e diversión en galego.