Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os alcaldes de Tui e Versmold coinciden en temas comúns para avanzar nunha cooperación mutua

9/07/2011

 

OS ALCALDES DE VERSMOLD E TUI COINCIDEN EN TEMAS DE INTERESE COMÚN PARA AVANZAR NUNHA COOPERACIÓN MUTUA

Unha delegación da cidade alemá visita Tui esta fin de semana

 

Ao longo desta fin de semana unha delegación oficial do municipio alemán de Versmold visita á cidade de Tui con obxecto de establecer un primeiro intercambio entre ambas cidades para iniciar un camiño común de colaboración que pode desembocar, nun futuro, nun irmanamento de ambas localidades.

Onte ao serán a delegación xermana que ven presidida polo alcalde de Versmold, Thorsten Klute, acompañado doutros tres concelleiros daquela corporación municipal acompañados de varios funcionarios, foron recibidos oficialmente polo Alcalde tudense acompañado da Corporación Municipal no Salón de Plenos da Casa do Concello. Ao remate o grupo de gaitas de San Xoán de Paramos interpretou diversas pezas folclóricas na honra dos convidados.

Na maña de hoxe, sábado, tivo lugar no Concello tudense unha mesa de traballo na que participou a delegación de Versmold xunto con representantes dos diversos grupos políticos tudenses na que houbo un fluído intercambio de experiencias sore o funcionamento de ambos concellos e os posibles ámbitos de mutua colaboración entre os dous municipios. A delegación de Versmold comentou a súa experiencia de irmanamento coa localidade polaca de Dobczyce, con quen manteñen un fluido traballo de cooperación que foi galardonado no ano 2009 pola embaixada de Polonia en Alemania.

De seguido, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e de Versmold, Thorsten Klute, ofreceron unha rolda de prensa na, en primeiro lugar salientaron a común identidade europea de ambas localidades e falaron dos posibles ámbitos de colaboración entre ambas cidades: o deporte –o alcalde de Versmold convidou a un equipo xuvenil tudense a participar no vindeiro ano nun campionato internacional que se celebra na súa cidade-, cultura, turismo –con especial interese no tema do Camiño de Santiago- e no emprego –onde Versmold pode ofrecer posibilidades aos desempregados da nosa zona. Ambos rexedores coincidiron en salientar o especial papel que teñen desenvolvido os emigrantes galegos a prol tanto de Alemania como de Galicia, sinalando que esta relación será unha idónea oportunidade para realizar unha homenaxe de recoñecemento a este colectivo.

Versmold é unha localidade de algo máis de 20.000 habitantes que pertence á rexión de Renania do Norte ­ Westfalia. Esta cidade é coñecida pola súa industria de charcutería de grande sona e tradición. Nesta zona asentouse, hai varias décadas, unha importante colonia de emigrantes da nosa contorna, singularmente da parroquia tudense de Paramos, que son agora os auténticos animadores deste encontro entre os responsables municipais de ambas localidades. 

A delegación xermana visitará nestas xornadas á nosa localidade e retornará na tarde do domingo cara Versmold.