Os afectados pola explosión de Paramos están convocados a unha reunión este sábado 16 de xuño
Será ás 10.30h no Centro Cultural de Guillarei para informalos dos pasos que se están dando no ámbito social e urbanístico, e escoitar tamén aos veciños
Os afectados pola explosión rexistrada o pasado 23 de maio no barrio da Torre en Paramos están convocados a unha reunión que se vai celebrar este sábado, 16 de xuño, ás 10.30h no Centro Cultural de Guillarei.
Asistirán o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o xerente urbanístico, Rubén Vázquez, e a traballadora social dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui, Carmen González.
O obxectivo da xuntanza, convocada polo Concello de Tui, é manter aos afectados informados dos pasos que se están dando para buscar saídas aos moitos problemas que están enriba da mesa. Ademais de tranquilizalos e asegurarlles que “se están traballando arreo para buscar saídas a todos os retos, retos moi importantes e complicados, que se plantexan para resolver a situación da zona afectada pola explosión”, segundo indica o alcalde, Carlos Vázquez Padín.
Na reunión se informará do traballo no eido social e urbanístico como a creación dun gabinete urbanístico exclusivo de atención aos afectados, as xestións para facilitar os trámites a realizar, ou a solicitude das diferentes axudas. Pero esta xuntanza servirá tamén para escoitar aos afectados, tomar nota das súas preocupación e inquedanzas e mellorar a atención que se lles presta na medida do posible.