Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Oitenta persoas participan nos obradoiros “Cultiva a mente” en cinco parroquias tudenses

22/10/2019

Hoxe iniciouse a actividade en Caldelas, mañá en Pazos de Reis, Areas e Rebordáns e a próxima semana en Guillarei. Realizarase até xuño de 2020

Hoxe comezou o primeiro dos obradoiros “Cultiva a mente” postos en marcha polo Concello de Tui e AFAGA, a Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias de Galicia, en cinco parroquias tudenses. Trátase dunha iniciativa pioneira que busca descentralizar este servizo e achegalo á cidadanía.

Vanse celebrar durante hora e media un día á semana até o mes de xuño nos centros culturais de Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, e Rebordáns. As preto de oitenta persoas inscritas, maiores de 55 anos, realizarán técnicas de memoria, recibirán consellos saudables para o cerebro, e ao tempo fomentarase a socialización e emoción positivas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, acudiron esta mañá a Caldelas a dar a benvida ás persoas participantes no obradoiro. Os tres coincidiron en sinalar a súa satisfacción pola boa acollida que tivo esta iniciativa. Amais o alcalde, Enrique Cabaleiro, indicou que coa posta en marcha deste proxecto dase resposta á solicitude da veciñanza de trasladar ás parroquias este tipo de servizos asistenciais. Apuntaba que se trata dun servizo básico, esencial e moi necesario.  Pola súa parte o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destacou o agradecemento por parte das mulleres e homes inscritos nestes obradoiros por achegalo ao seu domicilio.  Por último Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, salientou a importancia desta iniciativa na que colaboran a asociación que preside co Concello, e que ten por obxectivo traballar a memoria, a autoestima, a relación entre as persoas rompendo a soidade ou illamento, e que fai fincapé sobre todo na prevención.

Trece persoas asistiron hoxe ao obradoiro en Caldelas impartido pola psicóloga de AFGA, Beatriz Rodríguez. Mañá comezarán os obradoiros nos centros culturais de Pazos de Reis e Areas, o xoves en Rebordáns e o próximo martes en Guillarei.