Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo xa abriu no Paseo da Corredoira

28/04/2010

Nos dous primeiros días atendeu xa a un centenar de visitantes

A Oficina Municipal de Turismo abriu as súas portas no Paseo da Corredoira

Abre de luns a venres de xeito ininterrompido de 10 a 20, e as fin de semana de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h

 

Venres, 23 de abril de 2010. Onte xoves, 22 de abril, abriu as súas portas a Oficina Municipal de Tui no Paseo da Corredoira. Emprazada na caseta de madeira instalada o pasado ano para este cometido a Oficina está atendida por dúas persoas, unha Diplomada en Turismo e unha técnica en Turismo que foron contratadas polo Concello de Tui durante un período de oito meses grazas a unha subvención concedida polo Padroado de Turismo Rías Baixas dependente da Deputación de Pontevedra. O horario de apertura é de Luns a Venres de 10 a 20h e os sábados, domingos e festivos de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h.

 

A Oficina Municipal de Turismo está situada nun lugar clave de paso obrigado para cantos visitan a cidade. Na mesma os turistas e peregrinos atopan información sobre os lugares de interese do municipio e da comarca, as actividades culturais e deportivas previstas, e as alternativas de ocio que existen. Este ano, coa coincidencia do Ano Xacobeo, préstase tamén información aos peregrinos que se achegan á cidade, tendo en conta a súa importancia coma Porta de Entrada do Camiño Portugués a Santiago.

 

O Concelleiro de Turismo, Moisés Rodríguez, salienta por unha parte que a apertura da Oficina de Turismo produciuse este ano antes do habitual, satisfacendo así a demanda de información dos que se achegan ata a cidade nestas datas. Unha afluencia importante que se está a rexistrar xa nestes meses, e proba diso sinala é que nos dous primeiros días de apertura a oficina atendeu a case un centenar de persoas.

 

Por outra parte o edil fai fincapé na importancia turística da cidade, unha vocación que ten que ser amais unha clara aposta de futuro, xa que redunda positivamente na súa economía e no comercio e hostalería local.