Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo recibiu 1.052 consultas nos 9 días en que abriu o pasado mes de abril

12/05/2010

Deste total 991 eran nacionais e 61 estranxeiros. Pasaron por este servizo 42 peregrinos

A Oficina Municipal de Turismo recibiu 1.052 consultas nos 9 días en que abriu o pasado mes de abril

Abre de luns a venres de xeito ininterrompido de 10 a 20, e as fin de semana de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h

 

Mércores, 12 de maio de 2010. A Oficina Municipal de Turismo, situada no Paseo da Corredoira, recibiu 1.052 consultas dende o 22 de abril, cando abriu as súas portas, ata o 30 dese mesmo mes.  A meirande parte dos turistas que se achegaron a este servizo municipal eran nacionais, un total de 991, e os 61 restantes eran estranxeiros.

 

No turismo nacional gran parte dos visitantes procedían de Castela-León (181), seguidos dos galegos (150), andaluces (142),  valencianos (136), e madrileños (128). En canto aos estranxeiros rexistráronse 16 consultas de alemáns, 10 de portugueses, 8 de franceses, 6 de Estados Unidos, e en menor número houbo tamén turistas de Brasil, Holanda, Reino Unido, Tailandia, Austria, Italia e Rusia.

 

A Oficina Municipal de Turismo rexistrou amais, nos 9 días que estivo aberta en abril, un total de 26 consultas de peregrinos nacionais, a meirande parte galegos, e 16 de peregrinos estranxeiros, principalmente alemáns.

 

Por outra parte este servizo elaborou tamén un informe sobre o número de pernoctacións na cidade neses días. Á cabeza no nivel de ocupación estivo o Parador de Turismo con 14 persoas, seguido do Balneario de Caldelas, a Casa de Turismo Rural O Rozo con 4, o Albergue O Camiño con 3, e o Hotel Colón e o Alfonso I con 2 persoas cada un. Amais houbo catro persoas que pernoctaron na cidade en Autocaravana.

 

O Concelleiro de Turismo, Moisés Rodríguez, valora positivamente os datos rexistrados pola Oficina Municipal de Turismo nos seus nove primeiros días de apertura, salientando que é a primeira vez que este servizo abre no mes de abril. Dado o importante número de consultas rexistradas Moisés Rodríguez agarda que este 2010 sexa un bo ano para o turismo na cidade, que repercuta favorablemente tanto na hostalería e restauración coma no comercio. Espera igualmente que nos meses de verán moitos peregrinos pasen pola cidade coma porta de entrada do Camiño Portugués a Santiago.

 

A Oficina Municipal de Turismo abre de luns a venres de xeito ininterrompido de 10 a 20h, e as fin de semana de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h.