Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo atende xa na Praza de San Fernando

14/08/2012

Foi inaugurada o pasado venres, e dende entón atendeu xa a mais de 1.500 persoas

 

Nun lugar emblemático da cidade como é a Praza de San Fernando, aos pes da Catedral, Tui conta xa cunha nova Oficina Municipal de Turismo. Está emprazada no edificio do Museo Diocesano na Sala Arcebispo Lago. A súa inauguración tivo lugar o pasado venres a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e da secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo, xunto á concelleira de Turismo,Raquel Lorenzo, outros membros da corporación e autoridades entre as que estaba o vicario xeral da Diocese, Don Jesús Gago, e o coengo da Catedral, Don Ricardo García.

 

A concelleira de Turismo, Raquel Lorenzo, foi a primeira en tomar a palabra dando conta que o novo emprazamento desta oficina é “un lugar emblemático” e dando ás grazas ao bispado polas facilidades dadas para facer realidade este proxecto.  Dicía a edil que “podemos presumir de ter unha das oficinas de turismo máis emblemáticas”. Raquel Lorenzo apuntaba que “pretendemos revitalizar o conxunto histórico e dar un servizo de calidade aos visitantes”. Concluía indicando que “este é un pequeno pero importante paseo para seguir mellorando”.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradecía tamén á diocese de Tui-Vigo a cesión gratuíta do edificio, indicando que todo foron facilidades. Lembraba que hai un días o pleno aprobou a solicitude de Tui como Zona de Gran Afluencia Turística, o que apuntaba que “non é unha meta senón un paso máis”. O rexedor explicaba que en Tui temos o elementos necesarios e hai que conxugalos, referíndose ao Parque Natural do Monte Aloia, ao casco histórico, o río Miño, a ser paso do Camiño de Santiago ou conformar a Eurocidade. Para rematar  indicaba que “ter a oficina de turismo nun lugar emblemático redundará en todos os sectores da economía local”.

 

Por último a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, manifestaba que “a inauguración dunha oficina de Turismo é importante porque supón un escaparate para que o nos visitan”. Nese senso lembraba que Tui é o principal punto de entrada de visitantes  á Galicia. Tiña amais palabras de recoñecemento para Concello manifestando que é “exemplar na colaboración con outras administración” como a feita coa Xunta unificando as oficinas de Turismo municipal ou autonómica, ou por este acordo agora coa igrexa.

 

Daba Carmen Pardo datos concretos indicando que no Camiño de Santiago bátense records de peregrinos con 6% máis que en 2011, e engadindo que no caso do Camiño Portugués o incremento acada un 30%. Repasaba a secretaria xeral os principais puntos de interese turístico da cidade, e lembraba que forma parte tamén do xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño.

 

A nova oficina de Turismo abre de luns a venres de 10 a 20h e os sábados, domingos e festivos de 10.30h a 14.30h e de 15.30h a 19.30h. Está atendida por dúas técnicas en Turismo, que dente o venres deron xa información a 1560 persoas. Deste total 1.154 eran turistas nacionais, 215 turistas estranxeiros e 191 peregrinos.