Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Obradoiros, talleres formativos e consultas personalizadas para mulleres no programa Feminino Plural

28/07/2022

O programa innovador, integral e intensivo busca a promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

O Concello de Tui vén de pór en marcha Feminino Plural, un programa innovador, integral e intensivo para o impulso das mulleres. Esta semana tivo lugar, na Aula da UNED, a presentación do mesmo por parte da concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e das técnicas que conforma o equipo multidisciplinar desta acción.

Até o 30 de setembro Feminino Plural abordará catro eixos: a formación, a atención xurídica, a atención psicolóxica e o asesoramento para o emprego, intermediación e prospección laboral.  Ao longo dos próximos meses traballarase de xeito transversal nestas áreas para acadar a plena autonomía das mulleres tudenses.

Feminino Plural brinda tanto atención individualizada coma actividades grupais nos obradoiros e talleres formativos que están organizados. O programa desenvolverase no centro urbano, pero tamén nas parroquias onde haxa un mínimo de 8 mulleres inscritas.

As actividades grupais comezarán a segunda quincena de agosto, celebrándose os martes  de 10 a 13 h os talleres formativos e os mércores de 10 a 12 h os obradoiros. As mulleres poden asistir á totalidade dos talleres e obradoiros previstos, ou só aqueles que sexan do seu interese ou disponibilidade.

Os talleres formativos co título xenérico de “Coñécete…” abordarán o autocoñecemento, a historia das mulleres, as habilidades sociais, as oportunidades de traballo, as capacidades laborais, o empoderamento, e os dereitos.  Mentres nos obradoiros realizarase unha actividade de coaching, o roteiro “Camiñando con elas”, abordarase a comunicación, como preparar as entrevistas de traballo, o emprendemento, a saúde e a violencia machista virtual.

Amais as mulleres poden solicitar cita para realizar consultas personalizadas co equipo de expertas do programa: unha xurídica, unha psicóloga, unha axente de igualdade, unha orientadora laboral, unha técnica de prospección e intermediación laboral e traballadoras sociais.

 

Onte na presentación a concelleira de Igualdade Ana Núñez,  destacaba que con este programa quérese chegar a todas as mulleres de Tui tanto do centro urbano coma das parroquias. Así indicaba que “queremos chegar a todas as mulleres que poidan precisar de programas tan necesarios como este e poder axustar así os servizos que podemos aportar para atallar a súa vulnerabilidade”. 

As mulleres poden solicitar xa a súa participación gratuíta no programa tanto para os módulos e obradoiros como para a atención individualizada coas profesionais que forman parte do equipo do programa  no correo igualdade@tui.gal ou nos teléfonos 986 60 32 28 ou 664 55 24 93. 

O programa de Promoción da Igualdade e a Prevención da Violencia de Xénero, Feminino Plural, está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Programa de talleres e obradoiros Feminino Plural do 16 de agosto ao 30 de setembro

Talleres formativos Coñécete…

Martes de 10 a 13 h

  • 16 de agosto: Coñécete a ti mesma
  • 23 de agosto: Coñece a historia das mulleres
  • 30 de agosto: Coñece as túas habilidades sociais
  • 6 de setembro: Coñece oportunidades de traballo
  • 13 de setembro: Coñece as túas capacidades laborais
  • 20 de setembro: Coñece o teu poder
  • 27 de setembro: Coñece os teus dereitos

Obradoiros

Mércores de 10 a 12 h

  • 17 de agosto: Coaching para a vida
  • 24 de agosto: Roteiro "Camiñando con elas"
  • 31 de agosto: Comunicación
  • 7 de setembro: Entrevistas
  • 14 de setembro: Emprendemento
  • 21 de setembro: Muller e saúde
  • 28 de setembro: Violencia machista virtual

Consultas personalizadas co equipo de expertas até o 30 de setembro