Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O vindeiro lúns 1 de outubro inaugúrase a exposición "Nazón de Breogán"

27/09/2007

O VINDEIRO LÚNS 1 DE OUTUBRO INAUGÚRASE A  EXPOSICIÓN “NAZÓN DE BREOGÁN: UN XEITO DE SOÑAR GALICIA” 

O vindeiro lúns, 1 de outubro, chega á cidade de Tui a exposición “Nazón de Breogán: un xeito de soñar Galicia” permanecendo nas salas do Museo Municipal, no antigo convento de San Domingos, ata o día 14 de outubro. O acto de inauguración será ás 20,00 horas e estará presidido polo Delegado Provincial da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e o Alcalde de Tui.A través de grandes paneis gráficos, esta mostra axuda a entender de onde vimos e cara onde queremos avanzar. A exposición concíbese así mesmo como unha homenaxe a todos aqueles galeguistas que traballaron polo autogoberno do país, achegando ademais ao espectador a unha realidade histórica moitas veces descoñecida, marcada pola cultura castrexa, o Reino de Galiza, ou personaxes coma Prisciliano, Xelmírez, Murguía ou Antón Vilar Ponte.
A primeira versión a gran formato desta exposición, que está a pasar polas grandes cidades galegas, inaugurouse en xuño de 2006 en Santiago como actividade enmarcada na conmemoración da celebración do plebiscito do Estatuto do 36, un referendo que contou coa participación do 75% do censo e no que se aprobou un texto resultado do esforzo de xentes coma Castelao, Bóveda e outros moitos que traballaron polo autogoberno de Galiza, pero que nunca viron cumprido o seu soño. Un mes despois de terse celebrado este plebiscito, o proceso de autonomía veuse interrompido polo alzamento militar contra a II República.
Durante a súa presenza en Compostela, ao redor de 20.000 persoas pasaron polas salas da
Fundación Caixa Galicia, sendo
unha mostras das máis visitadas no país. De aí a exposición trasladouse ata as cidades da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra, co que o total de visitas se sitúa en 60.000. Proximamente a mostra chegará á Casa das Artes de Vigo.
A gran acollida de público que está a ter “Nazón de Breogán” fixo que se deseñara unha segunda versión, como a que contemplaremos en Tui, adaptada a espazos máis reducidos, que a Vicepresidencia
da Xunta pretende achegar a todos os concellos galegos que o soliciten. A mostra, que xa foi reclamada por case un cento de municipios, pasou xa por 26 localidades galegas onde foi visitada por unhas 12.000 persoas.
O horario de visitas desta exposición é de 17,30 a 20,00 horas todos os días (agás os lúns). Esta previsto tamén que os grupos (escolares ou doutra índole) que desexen visitar a exposición poden solicitar unha cita no horario que estimen pertinente ao través do correo electrónico: biblioteca@concellotui.org.

Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Perez, a presenza desta exposición que realiza un percorrido pola historia de Galicia ten especial interese para a nosa cidade, que ten no seu caracter histórico un dos seus principais sinais de identidade. Amáis con esta exposición o Concello tudense impulsa o uso dun novo espazo público como é o futuro Museo Municipal, ubicado no antigo convento de San Domingos, cuxa rehabilitación foi promovida polo goberno municipal tudense.