Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O VII Supercross Cidade de Tui reunirá a máis de 70 pilotos

29/09/2023

A proba  celebrarase mañá sábado, 30 de setembro, nas instalacións Offroad do Motoclub Randufe en Rebordáns

O Motoclub Randufe, en colaboración co Concello de Tui, organizará mañá sábado, 30 de setembro, nas instalacións Offroad de Rebordáns, o VII Supercross Cidade de Tui. Participarán máis de 70 pilotos de Galicia e Portugal, nas distintas categorías do evento.

A partir das 11.00 horas e até as 14.00 horas, celebraranse os adestramentos oficiais, e ás 16.00 horas comezará a competición nas distintas categorías, para nenos e nenas, con motos de 50 centímetros cúbicos, 65 cc e 85 cc, e para maiores de 18 anos, as categorías serán amateur, élite e Pro.

O formato de supercross consta dunha pista con saltos e curvas, onde os pilotos terán que dar voltas en modo competitivo.

Destacar a presenza de Román Pérez, varias veces Campión de España e instrutor de Jorge Prado, actual campión do Mundo. O piloto local Thiago Rodríguez, competirá na categoría de 65 centímetros cúbicos.