Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O venres inaugúrase unha exposición conxunta dos artistas tudenses Lis e Rai

28/04/2010

O VENRES INAGURÚASE UNHA EXPOSICIÓN CONXUNTA DOS ARTISTAS TUDENSES "LIS" E "RAI"

 

Este venres, 30 de abril, ás 20,30 horas, a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a inauguración dunha exposición conxunta de dous artistas tudenses de dilatada traxectoria; por unha banda o pintor Xosé Luís Méndez "Lis" que presenta a súa mostra "A cor da música e maternidades" e doutra parte o escultor Raimundo Martínez "Rai" que exhibe as súas obras baixo o titulo de "O andar da pedra". No decurso do acto o compositor e músico Miguel de Santiago interpretará diversas obras.

 

Esta exposición está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Tui na súa pretensión de amosar neste espazo expositivo a obra dos artistas locais. Para o seu responsable, Moisés Rodríguez Pérez, é un grande motivo de satisfacción que poidamos contemplar esta exposición que amosa o traballo realizado por dous dos artistas tudenses de máis reputada calidade. Deste xeito a Concellería de Cultura continua traballando a prol da promoción e difusión da obra dos artistas locais, ao entender este un obxectivo preferencial do seu labor.

 

Xosé Luís Méndez Rodríguez "Lis" (Tui, 1958) posúe unha dilatada actividade expositiva que comezou en 1975 participando en exposicións colectivas de artistas do Baixo Miño e que ten acadado importantes fitos como a exitosa exposición celebrada na Casa de Galicia en Madrid no ano 2008. Como afirma o crítico Silvestre Gómez "a pintura de Lis é unha sinfonía e unha regueifa de cores e liñas fuxidías, metáfora de imposible pentagramas, que mostra a consolidación dun estilo personal que, recollendo as aprendizaxes das súas anteriores etapas, o impulsan dende esta brillante madurez á procura de novas formas expresivas para sorprenderse e sorprendernos." Nesta exposición Lis presenta unha coidada colección de músicos absortos na beleza harmónica do son, complementada cunha serie de maternidade.

 

Raimundo Martínez "Rai" (Malvas - Tui, 1940), creou aos 18 anos unha empresa de extracción de granito e pasado o tempo, xa na súa madurez, avivou a súa vocación artística e dedicouse desde entón por completo a esculpir, converténdose no artista pioneiro na utilización do canto que se achase nas ribeiras do Miño e os seus afluentes. A súa expresión artística materialízase, tanto no abstracto como no figurativo, cunha ampla traxectoria expositiva en Galicia, Norte de Portugal, Segovia ou Madrid.

 

Esta mostra estará aberta ao público ata o vindeiro día 22 de maio de 2010.