Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O venres clausúrase a exposición "Evocaciones" de María del Carmen Arenas

27/11/2007

ESTE VENRES, 30 DE NOVEMBRO, CLAUSÚRASE A EXPOSICIÓN “EVOCACIONES” DE MARIA DEL CARMEN ARENAS 

Este venres 30 de novembro clausúrase a exposición da artista viguesa María del Carmen Arenas que baixo a denominación de “Evocaciones” amosa unha escolma da súa produción de óleos e gravados na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio Área Panorámica da nosa cidade. 

María del Carmen Arena Villarroel, aínda que nacida en Bilbao, reside en Vigo dende a sua mocidade. Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela é na actualidade profesora de historia no Instituto de Santo Tomé de Freixeiro na cidade olívica. A súa obra xa ten ocupado diversas espazos expositivos, entre eles a Casa Galega da Cultura do Concello de Vigo (2005) ou a Casa das Artes de Vigo (2006). En xaneiro deste ano 2007 foi finalista no II Certamé de Artes Plásticas e Pintura “Arte Xove Galega”. 

Vencellada familiarmente a nosa cidade nesta exposición en Tui ofrece unha escolma da súa produción artística con diversas técnicas: óleos (tanto sobre lenzo, madeira e papel) como gravados monotipo sobre prancha de madeira. “O monotipo, sinala a propia artista, é un gravado único, realizado ao pintar sobre madeira e trasladar o pintado ao papel mediante un tórculo. É unha "pintura en negativo", o resultado de unir a experiencia de moitos anos de traballo en óleo e acrílico, empregando a técnica de impresións e o rolo. Chego así ao monotipo, despois dun proceso "misterioso" de creación no que dialogan entre si técnica, destreza, intuición e sorpresa; e sempre coa presenza da luz como protagonista do cadro; luz que lle dá vida e significado á pintura, a través dunha conxunción de cores serenas, cálidas, ardentes ás veces, luminosas e brillantes. Esta luz é guía "no descoñecido, no desexado, no vital". 

Esta exposición forma parte da programación que a Concellería de Cultura tudense leva adiante na Sala Municipal de Exposicións para ofrecerlle aos veciños de Tui e a súa bisbarra unha selección de mostras representativas dos diversos estilos artísticos e das diversas expresión da arte, con especial incidencia naquelas obras e autores vencellados á nosa cidade.