Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O venres 27 de maio última conferencia do ciclo da Uned, sobre as TIC na sociedade do coñecemento

26/05/2011

O VINDEIRO VENRES ÚLTIMA CONFERENCIA DO CICLO DA AULA DA UNED DE TUI SOBRE AS TIC NA SOCIEDADE DO COÑECEMENTO

 

Este venres 27 de maio ás 19,00 horas terá lugar na Sala de Actos da Aula da UNED de Tui (ubicada no antigo convento de San Domingos) a última das conferencias do ciclo organizado por esta instutición educativa titulada: “¿Qué educación para que sociedad? Las TIC en la sociedad del conocimiento” que correrá a cargo do profesor Jorge Genaro Soto Carballo do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa - Área de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Vigo

Nesta conferencia trátase de identificar as novas necesidades formativas poñendo o acento nas necesidades dixitais da poboación escolar. As novas sinerxías derivadas da aparición das novas tecnoloxías da información e da comunicación teñen suposto, sen dúbida, unha revolución en todos os ordenes das nosas vidas que, como non podía ser doutra forma, inciden de xeito frontal nos novos argumentos pedagóxicos que o discurso educativo reclama. Dende esta nova conformación do sistema educativo, a partir da aparición destas novas tecnoloxías, infírese que é indudabel que os avances tecnolóxicos aos que nos enfrontamos hoxe en día están condicionando o modelo de sociedade que coñecemos. Dende estes argumentos antes descritos é pertinente preguntarnos ao longo do relatorio cal ou cales son os modelos pedagóxicos e as competencias que demanda a sociedade informacional e comunicada, entendida como un novo enfoque dentro da Educación que estuda os procesos de ensinanza-aprendizaxe e que ten á información e á comunicación como eixo e centro de interese fundamental. Estes novos modelos, xerados a partires das novas relacións que se producen na Sociedade do Coñecemento, representan novos retos que permitan transformar a información en coñecemento o coñecemento en educación.

Coa celebración deste conferencia péchase o ciclo iniciado o pasado 21 de xaneiro e que cada mes ten abordado diversos aspectos relacionados coa educación e os valores na nosa sociedade. Este ciclo de conferencias foi unha oferta da Aula da Uned de Tui na sua actividade de extensión universitaria para achegarse sociedade tudense ofrecendo novos enfoques a temas de interese xeral. Dende a Aula da Uned de Tui convídase a todos os interesados a participar nesta conferencia do vindeiro venres.

O Concello de Tui, a través do seu concelleiro de cultura en funcións, Moisés Rodríguez Pérez, agradece á Aula da Uned de Tui o seu esforzo por ofrecer aos veciños de Tui a súa ampla oferta educativa que abrangue tamén actividades como este interesante ciclo de conferencias que agora remata. A implantación da Uned na nosa cidade, segundo Rodríguez Pérez, está contribuíndo a mellorar as posibilidade de acceso á educación, tanto de caracter académico como de caracter xeral, para toda a poboación de Tui e do Baixo Miño, acadando así un dos obxectivos marcados polo Concello ao solicitar a implantación da Aula da Uned na nosa cidade.