Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Tyde participa por décimo ano no Torneo Internacional de Versmold

4/06/2026

O salón de sesións da casa do concello de Tui acolleu este mediodía a recepción ao equipo Alevín do Tyde F.C. que esta fin de semana vai participar no Torneo Internacional de Fútbol en Versmold, Alemaña.  O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, recibiron aos xogadores e xogadora que está mesma tarde viaxan cara Alemaña. No acto participaron tamén a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, o presidente do Tyde F.C, David Domínguez, e membros da xunta directiva do club.

Dylan Ramírez, Eva Pumar, Óscar González, Jorge Rodríguez, Leo Saa, Brais González, Martim Antonio Amorim Djalo, Diego Álvarez, Gonzalo Carreto e Pietro Pereira viaxan cara Alemaña xunto aos seus adestradores Carlos Estévez e Francisco Javier Lemos, os directivos Alejandro Prado e Gustavo Pazo, e as súas familias para vivir  unha experiencia única neste Torneo Internacional de Fútbol.   

O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembrou na súa intervención coma a participación do Tyde neste torneo xorde tras a sinatura en 2013 do acordo de irmandade con Versmold, cidade alemá coa que Tui garda relación polos moitos tudenses que emigraron á mesma.  Destacou o rexedor coma a participación neste torneo “brinda unha oportunidade única e especial que lembraredes toda a vida”. Salientou tamén Enrique Cabaleiro o papel do deporte coma elemento de transmisión de valores, de principios,… e de coñecer novas experiencias.

Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, reiterou a aposta do concello por este tipo e eventos, e dirixíndose aos xogadores salientou que “van vivir una experiencia moi bonita”, engadindo que lles vai permitir coñecer outros lugares e a xogadores doutros países.

O presidente do Tyde, David Domínguez, lembrou que dende 2014 os deportistas do equipo poden vivir esta experiencia, destacando  que “nos enche de honra acudir en representación do concello de Tui”. Incidía en que “esta é unha experiencia moi especial para o club e para os xogadores”, e expresou o desexo de que estes torneos se poidan realizar nun futuro en Tui.

Dende mañá e até o domingo o equipo Alevín do Tyde participará neste torneo internacional. O seu primeiro partido será mañá venres ás 16.45 h fronte ao SG Oesterweg I.