Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Trofeo de Baile Deportivo e a Ultreia centran a intensa fin de semana de deporte na Eurocidade

24/03/2023

Outra das probas destacadas será o TT Eurocidade de Jeeps. Deportistas e clubs tudenses acoden esta fin de semana a competicións nacionais de piragüismo, patinaxe e ciclismo.

Intensa fin de semana de deporte na Eurocidade Tui-Valença. O calendario deportivo conxunto retoma este domingo unha das probas afianzadas coa novena edición do Trofeo de Baile Deportivo, organizada pola Escola Pasos Bailegalicia en colaboración coa Eurocidade.

Celebrarase no pavillón Gustavo Rodríguez dende as 10 da mañá, con entradas a 8 euros para o público xeral. O trofeo terá modalidade clásica en parella, tamén bailes latinos en parella, modalidade single no que bailan as mulleres de xeito individual e, por último, os grupos. Trátase dun evento deportivo puntuable para o ránking nacional español.

Haberá moita representación de Galicia, tamén doutras autonomías e preto de 100 bailaríns dende Portugal, reflictindo a boa acollida deste trofeo tamén no país veciño.

Outra das citas destacadas do deporte local é a Ultreia, un evento deportivo en formato andaina que percorre cada ano e con saída dende Tui os 52 quilómetros até Pontevedra. O percorrido que tomará as 446 persoas participantes trascorre por tramos do Camiño Portugués nunha quinta edición que baterá récords de participación e inscricións de camiñantes vidos de distintos puntos da península.

Por último, este sábado tamén se celebrará o TT Eurocidade Jeeps, organizado polo Club Tracçao As 4. A proba pechou as súas inscricións con 200 jeeps e máis de 400 participantes. A competición arrincará pola mañá pero se prolongará todo o día e, pola tarde, a partir das 18h hora portuguesa, realizarase unha pista todo terreo no campo do Segadanense.

En canto á participación de clubs e deportistas tudense, será unha fin de semana con presenza do Kayak Tudense no Campionato de Invierno de Promesas en Arcos de la Frontera, Cádiz. Alí competirán 19 padeeiros en categorías infantil e cadete acompañados por tres técnicos.

O Club de Patinaxe Artístico Ribex tamén afronta estes días o Campionato de España de Grupos Shows Grandes e Pequenos no pavillón GEM Olimpics de Barcelona. Alí competirán mañá sábado co cuarteto e o domingo co grupo grande.

En ciclismos, os tudenses do club Avanza, André Martínez e David Fernández, disputarán esta fin de semana en Ávila a segunda proba da Copa de España de Enduro coa selección galega de ciclismo. David Fernández competirá en sub23 e André Martínez en categoría junior.