Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Telecentro acolle unha cata de viño guiada por videoconferencia

24/02/2010

O TELECENTRO DE TUI ACOLLE UNHA CATA DE VIÑO GUIADA POR VIDEOCONFERENCIA O VINDEIRO XOVES 11 DE MARZO

 

Cómpre realizar unha inscrición previa

 

Con motivo da celebración da Festa do Viño de Chantada, o Telecentro de Comunicación de Tui acollerá o vindeiro xoves 11 de marzo unha cata guiada a través dunha videoconferencia. Este evento, que se desenvolverá en horario de 20:00 a 22:00 horas no TC chantadino, poderá ser seguido tamén do mesmo xeito dende o propio Centro Multimedia de Galicia (CMG), en Santiago, e desde outros seis Telecentros de Comunicación situados nas catro provincias galegas.

En total, no evento poderán participar 229 persoas: 40 en cada un dos TC de Chantada, Catoira, Carballo e Tui; 28 no do Barco de Valdeorras; 16 no de Monforte de Lemos; 15 no de Oroso, e outras 10 desde o Centro Multimedia de Galicia. A solicitude de participación nesta xornada pode formalizarse  desde o portal web do CMG, simplemente premendo no enlace http://reservas.centromultimedia.net/public/reservas.php.

Todos os asistentes disporán do material necesario para a cata: cuspideira, caldos, copas... Desde o Telecentro de Comunicación chantadino, un enólogo será o encargado de abrir o acto e dar paso a unha  cata guiada, na que todos os participantes, desde os distintos TC, poderán plantexar as súas dúbidas e experiencias, valéndose das vantaxes das novas tecnoloxías.

A primeira edición da Feira do Viño de Chantada desenvolveuse no ano 1983 e, segundo os datos da época, achegáronse ata ela preto de dez mil visitantes. Asentouse coma unha das feiras máis importantes da provincia, ata que a finais dos anos noventa, converteuse nunha das feiras do viño máis representativas do noroeste peninsular.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, a celebración desta cata no Telecentro tudense amosa as posibilidades das novas tecnoloxias da comunicación que posibilitan novidosos xeitos de achegarse a actividades ata agora cinguidas a ámbitos máis reducidos. Con esta nova actividades o Telecentro de Comunicación de Tui continua desenvolvendo o seu papel de favorecer o acceso dos cidadáns ás novas tecnoloxias de comunicación e información.

Un Telecentro é un espazo acondicionado axeitadamente que dispón de material informático (ordenadores, impresoras...), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma e sistemas de control, entre outros equipamentos, que permiten recrear diferentes escenarios, dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.