O talento mozo presente este sábado no Mercado Creativo do Festival Boas Vibes
O Festival Boas Vibes, que este sábado, 6 de setembro, se celebra na Alameda de San Domingos, contará cun espazo para visibilizar a creatividade xuvenil cun mercado no que participarán dez mozos e mozas presentando as súas obras en diversas disciplinas.
No Mercado Creativo participarán Amaralea, blue.buble, Kaitana, La Clave de An, Mar en Calma, Mar.jewelrin, Marina Araujo, O taller máxico, Sapoconcho e Uxía RM. Presentarán creacións en pezas de arte, xoiería, produtos para mascotas, ilustración, escritura, costura creativa, láminas, reciclaxe ou elementos de decoración. Os postos estarán abertos de 11 h a 21 h .
O Festival Boas Vibes, na Alameda de San Domingos, tamén acollerá unha demostración de arte en directo a partir das 16.30 h con Alba Troiteiro, quen realizará unha pintura de gran formato.
Esta artista plástica basea o seu traballo nas emocións, e a través delas materializa o que quere contar e expresar ao mundo. Alba Troiteiro brindará así un espectáculo artístico en directo no Festival Boas Vibes.
A cultura urbana tamén estará presente neste festival cun espectáculo de Breaking dance e Beat Box da man de Vella Escola. Será ás 19.30 h. Actuará en solitario un artista de Beat Box e tres bailaríns de Breaking dance. Finalmente, farán unha actuación conxunta con ambas disciplinas.
No festival Boas Vibes tamén haberá concertos de Eris Mackenzie, Hydn, Supernova; sesións dj con Sofi Peries, Samu Pexe, Sariinha; encontros inspiradores con Guillermo Carracedo, Isabel garrido, Fatisuki e Raúl Lomba; e zona gastro durante toda a xornada
A programación completa pode consultarse en tui.gal.