Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O “Setembro xudeu” celébrase en Tui con doce actividades

2/09/2025
Exposicións, un concerto, visitas, películas, gastronomía, un scape room e un programa semanal na Radio Municipal de Tui centran a oferta

Tui afondará na súa rica historia e patrimonio coa celebración do  “Setembro xudeu”, unha oferta de actividades que resaltan o papel histórico da cidade e o seu patrimonio vinculado coa presenza dunha comunidade xudía e criptoxudía ao longo de varios séculos.

Ao longo deste mes de setembro ata doce propostas afondarán no coñecemento deste acervo histórico: visitas guiadas, música, gastronomía, películas, un programa semanal na Radio Municipal de Tui e outras actividades achegaran aos participantes a esta ampla oferta de carácter cultural e turístico.

Desde o ano 2006, e especialmente dende a súa incorporación á Red de Juderías de España en 2019, Tui participa anualmente nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que conectan a 37 países de Europa nunha celebración compartida da historia, a arquitectura e o patrimonio cultural xudeus.

Neste 2025, o tema “O Pobo do Libro” salienta o esforzo colectivo das 21 cidades da Red de Juderias de España para preservar o legado sefardí e promover o coñecemento das contribucións históricas e culturais das comunidades xudías.

O programa de actividades é o seguinte:

  • Xoves 4 ás 19.30 h no edificio Francisco Sánchez
    • “La Edad de Oro de los judíos de Al-Andalús”
    • Exposición bibliográfica sobre cultura e patrimonio xudeu
  • Venres 5 ás 19.30 h na praza do Pracer
    • Concerto á luz das candeas de música sefardí: “Arvolicos lejanos” con 2naFronteira
  • Domingo 7 ás 11.30 h dende a Oficina Municipal de Turismo
    • Visita á ruta xudía de Tui
  • Xoves 11 ás 20 h no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela
    • Proxección da película “Sefarad”, de Luis Ismael
    • Coa colaboración do Cineclub Tui
  • Sábado 13 ás 11.30 h dende a Oficina Municipal de Turismo
    • Visita ao patrimonio xudeu tudense
  • Venres 19 ás 20.30 h no Parador de Turismo de Tui
    • Cena sefardí con música
    • Con reserva previa até o 15 de setembro no teléfono 986 600 300 ou no correo tui@parador.es
    • Durante todo o mes, menú sefardí no Parador de Turismo de Tui
  • Sábado 20 ás 17 h dende a Oficina Municipal de Turismo
    • Visita ao patrimonio xudeu na Eurocidade Tui-Valença, con Suso Vila
  • Domingo 21 ás 11.30 h dende a Oficina Municipal de Turismo
    • Scape room “A comunidade xudía de Tui”
  • Xoves 25 ás 20 h no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela
    • Proxección da película “Santo Oficio”, de Artur Ripstein
    • Coa colaboración do Cineclub Tui
  • Sábado 27 ás 18 h dende a portada da catedral de Tui
    • Visita “Presenza xudía na catedral: da prataría aos sambenitos”

Ademais, cada mércores deste mes de setembro, ás 12.30 h e ás 20.30 h realizaranse programas especiais na Radio Municipal de Tui. As redes sociais tamén terán protagonismo neste “Setembro xudeu”, cun photocall instalado na Oficina Municipal de Turismo onde as persoas que o desexen poden facerse unha fotografía e gañar premios no perfil @redjuderias.

Estas actividades están organizadas polo Concello de Tui co apoio da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad. Este programa do “Setembro xudeu” forma parte da iniciativa “Cidades que Abrazan o Patrimonio Xudeu” (https://jewisheritage.org/edjc/cities-embracing-jewish-heritage),  apoiada polo  Movimiento de Combate al Antisemitismo  y la  Asociación Europea para la Preservación y Promoción de la Cultura y el Patrimonio Judíos (AEPJ).

Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, a celebración do “Setembro xudeu” é unha “oportunidade perfecta para achegar a tudenses e visitantes o legado patrimonial que posúe Tui, sendo un dos máis singulares do noroeste peninsular”.